A programación das III xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade chegan ao seu remate esta fin de semana con dúas saídas micolóxicas o sábado que partirán do pavillón da Montesiña ás 11:30 e ás 16:00 horas. O domingo as actividades trasladaranse a Casa da Cultura Rexina Míguez Noval coa celebración de obradoiros, magosto, merenda de tempada e música da Ghramalleira a partir das 17:00 horas.
O obxectivo destas actividades é dinamizar e poñer en valor os recursos naturais e dar a coñecer iniciativas pioneiras e que están funcionando noutros municipios. Así, logo das visitas realizadas en outubro a diferentes comunidades que teñen en marcha iniciativas pioneiras e que están funcionando no aproveitamento e conservación do monte, esta fin de semana as actividades desenvolveranse no propio concello.
Concretamente o sábado 14 os montes de Soutomaior serán o escenario das saídas micolóxicas organizadas coa colaboración de MycoGalicia Plantae. A actividade incluirá explicacións sobre as especies vexetais e micolóxicas que se atopen durante o percorrido, así como tarefas de recolección e identificación de cogomelos.
Haberá dous grupos: o primeiro desenvolverase de 11.30 a 13.30 horas e o segundo, de 16.00 a 18.00 horas. Ambos están dirixidos ao público xeral e familiar, serán gratuítos e terán como punto de encontro o pavillón da Montesina ‘Alfonso Pazos’.
O programa rematará o domingo 15 de novembro coa celebración das propias III Xornadas divulgativas sobre os recursos naturais en Soutomaior. A iniciativa incluirá actividades variadas para todas as idades. A xornada terá lugar na Casa da Cultura ‘Rexina Míguez Noval’, estará aberta ao público xeral e familiar e será de balde, sen necesidade de inscrición previa.









