Foto: presentación do programa no 2025
A Fundación Formavigo retoma esta iniciativa que inclúe varias xornadas formativas gratuítas nas que se abordarán alternativas habitacionais, convivencia, apoio mutuo e creación de redes comunitarias. O programa desenvolverase a través de varias xornadas – 19 e 26 de novembro, o xoves 3 o martes 15 de decembro- dirixidas tanto a persoas que buscan vivenda como a aquelas que desexan compartir o seu fogar ou dispoñen dunha vivenda baleira e queren explorar alternativas para darlle uso.
A proposta nace nun contexto marcado polo incremento dos prezos do alugueiro e a escaseza de oferta habitacional, unha realidade que dificulta que moitas persoas poidan acceder ou manter unha vivenda en solitario. Neste escenario, Fogares Creativos pretende crear un espazo de encontro no que compartir experiencias e ferramentas para explorar outras maneiras de vivir, desde a colaboración, a seguridade e o respecto pola autonomía de cada participante.
As xornadas abordarán cuestións prácticas relacionadas coa convivencia, como a comunicación e as relacións saudables, a xestión de conflitos, a construción de acordos, a organización doméstica e a corresponsabilidade. Tamén se traballarán as redes comunitarias, o apoio mutuo, a toma de decisións, a autoxestión e as novas fórmulas de convivencia e vida en comunidade.
A iniciativa está especialmente dirixida a persoas con dificultades para acceder a unha vivenda, persoas interesadas en compartir piso, propietarios de vivendas baleiras que queiran coñecer alternativas seguras para darlles uso e cidadanía interesada en ampliar as súas redes de apoio e participación comunitaria.
O programa formativo desenvolverase no Multiusos da Xunqueira en horario de 17.00 a 20.00 horas. As sesións terán lugar os xoves 19 e 26 de novembro, o xoves 3 de decembro e o martes 15 de decembro. A dinamización correrá a cargo de Patricia do Camiño. O proxecto Fogares Creativos está financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, no marco das convocatorias do 0,7 % do IRPF.
As persoas interesadas en recibir máis información ou formalizar a súa inscrición poden contactar coa Fundación Formavigo no teléfono 618 133 804 ou a través do correo electrónico inclusionredondela@fundacionformavigo.com. O prazo de inscrición é do 13 ao 18 de novembro.









