Primeira Galicia
CASELAS C.F. 1 – 1 C.D. CHOCO
O C.D. Choco sumou un punto na súa visita ao Caselas C.F. (1-1), nun encontro disputado no grupo 6 no que os redondeláns tiveron que remar contra corrente durante boa parte do partido. O equipo local comezou levando a iniciativa e xerando as ocasións máis claras, pero atopouse coa resposta do porteiro Nucho, que evitou que o Caselas se adiantase no marcador. Pola súa banda, o Choco apenas conseguiu inquietar a portería rival nunha primeira metade na que destacou unha oportunidade de Kevin, ben resolta polo gardameta local. O partido complicouse aínda máis para os visitantes coa expulsión de Abal, que viu o cartón vermello directo por derrubar un adversario cando era o último defensor. Na falta posterior, o Caselas conseguiu marcar directamente e chegou ao descanso con vantaxe.
Na segunda metade, o Choco deu un paso adiante e asumiu o control do xogo, aínda que as ocasións máis perigosas continuaron chegando por parte dos locais. A insistencia redondelá tivo premio no minuto 87, cando Kevin foi derrubado dentro da área e o árbitro sinalou penalti. Xian Castiñeiras, que regresaba á competición despois de dous meses afastado polos problemas físicos, encargouse de transformalo e establecer o empate. Nos últimos minutos, o Choco encerrou o Caselas na súa área e dispuxo de dúas ocasións claras para completar a remontada e levar os tres puntos. O empate, que o adestrador cualificou como “un resultado conseguido nun campo complicado e ante un gran rival”, deixa un sabor agridoce: o equipo perde o liderado e cae á segunda posición con 25 puntos, dous menos que o Colegio Hogar (27).
Na próxima xornada, os redondeláns recibirán no Campo Municipal de Santa Mariña ao UD Ribera, sétimo clasificado.
C.D. ARCADE 1 – 2 MARCON ATLÉTICO
No grupo 5, o C.D. Arcade sufriu unha nova derrota no Campo do Salgueirón ante o Marcon Atlético, que se impuxo por 1-2. Javier Couñago adiantou aos locais no minuto 21, pero o conxunto visitante conseguiu darlle a volta ao marcador nos últimos minutos do encontro. Trátase da terceira derrota consecutiva do Arcade, que ocupa agora a quinta posición da clasificación. Na próxima xornada visitará ao SD Amanecer, en O Grove.
C.D. SPORT TEAM ESTRADA – C.D. SOUTOMAIOR: SUSPENDIDO
Pola súa banda, o encontro entre o C.D. Sport Team Estrada e o C.D. Soutomaior quedou suspendido. O Soutomaior xa prepara a seguinte xornada, na que recibirá no Campo Graciano Padín ao Flavia SD. Ambos os equipos ocupan actualmente a zona baixa da táboa e buscarán sumar puntos para mellorar a súa situación.
Segunda Galicia
C.D. CESANTES 2 – 1 S.D. ROMAY
No grupo de Pontevedra, o C.D. Cesantes conseguiu unha vitoria por 2-1 ante o S.D. Romay no Campo Municipal de A Gándara. Os locais dominaron boa parte do encontro e adiantáronse no marcador no minuto 26 cun gol de David. Xa na segunda metade, Imad ampliou a vantaxe no minuto 68. O Romay tentou reaccionar e darlle a volta ao partido, pero o Cesantes soubo conservar a súa vantaxe ata o final. Con estes tres puntos, o equipo sitúase na sétima posición con 13 puntos. Na próxima xornada visitará ao Atlético Faxilde, un rival que tamén precisa sumar.
MONDARIZ C.F. 6 – 0 ATLÉTICO VILLAR
No grupo de Vigo, pola contra, o Atlético Villar encaixou unha dura derrota na súa visita ao Mondariz C.F., que se impuxo por un contundente 6-0. Un resultado que deixa ao Villar na décimo cuarta posición da clasificación. O equipo tentará pasar páxina na próxima xornada, na que recibirá ao C.F. Guillarei.
Terceira Galicia
CELTA 360 B 1 – 4 CHAPELA C.F.
A xornada pechouse cunha boa noticia para o Chapela C.F., que conseguiu unha clara vitoria a domicilio ante o Celta 360 B por 1-4. Diego Pascual abriu a conta goleadora, mentres que Toni Silva asinou dous tantos e Pedro Rodríguez completou a goleada. Un triunfo que permite ao Chapela manterse nunha cómoda quinta posición con 23 puntos. O próximo compromiso será no seu campo ante o Club Peñasco, terceiro clasificado, nun encontro que se presenta esixente.









