Usuarias do Centro de día Os Cortizos compartiron a súa historia cos nenos e nenas do Colexio Santa Mariña nun encontro organizado polo Concello de Redondela dentro da programación polo 25N baixo o nome “A nosa memoria”.
Fita, María, Isabel, Digna, Lola e Peregrina, usuarias do Centro de Día Os Cortizos, inauguraron estes encontros achegándose ao centro educativo para reunirse co alumando de 6º de primeira. Na sesión relataron como era a súa vida na infancia e na mocidade, unha época na que non había “case de nada”. A maioría delas apenas puideron ir á escola, xa que daquela primábase que estudasen os homes mentres as mulleres quedaban a cargo do traballo no campo e as labores da casa. En moitos casos tiñan que facerse cargo tamén dos irmáns máis novos.
A rapazada mostrouse moi participativa e interesouse por coñecer como eran os colexios de antes, os oficios que desempeñaban, a roupa e o calzado que usaban ou os medios de transporte dos que dispoñían. Como peche do encontro, as “avoas” lanzáronlles unha mensaxe clara aos nenos e, de xeito especial, ás nenas: que hoxe son unhas auténticas privilexiadas e animáronas a aproveitar ao máximo a oportunidade de estudar, formarse e decidir o seu propio futuro.
Esta iniciativa percorrerá distintos colexios de primaria do municipio, onde recibirán a visita de usuarias dos Centros de Día de Redondela para fomentar a igualdade e o bo trato a través do diálogo entre xeracións.









