Hoxe é Xoves 19 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os partidos políticos desembarcan en Redondela con tres actos públicos de cara ao 29N

eleccións

A campaña electoral de cara ás eleccións do vindeiro 29 de novembro comeza a gañar protagonismo en Redondela. Os partidos políticos intensifican a súa presenza no municipio cunha serie de actos públicos nos que buscan achegar as súas propostas á cidadanía e mobilizar o seu electorado. Alfonso Rueda e Cayetana Álvarez de Toledo protagonizan o mitin do PP este venres no Multiúsos da Xunqueira. O BNG bota man da súa cabeza de lista ao Congreso, Carme da Silva para un acto o sábado na Casa da Cultura.

O primeiro dos encontros terá lugar este venres, 20 de novembro, ás 19.00 horas, no Multiúsos da Xunqueira, cun mitin organizado polo Partido Popular. O acto contará coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a deputada Cayetana Álvarez de Toledo; o presidente provincial do PP, Luis López, e o exalcalde de Redondela Javier Bas. Baixo o lema «Redondela ten unha cita co futuro», os populares presentan o encontro como unha oportunidade para trasladar a súa proposta de cambio político e defender a confianza e a estabilidade como eixos da súa mensaxe electoral.

A actividade política continuará o sábado 21, tamén ás 19.00 horas, coa convocatoria do BNG na Casa da Cultura de Redondela. Baixo o lema «Desde Redondela, agora con máis forza!», a formación nacionalista reunirá a súa cabeza de lista ao Congreso, Carme da Silva, xunto ás candidatas María Obelleiro e Xosé Rodríguez e o portavoz municipal, Xoán Carlos González. O acto estará centrado na presentación das propostas do Bloque para o 29N, coa defensa das clases populares e traballadoras e a mellora das condicións de vida como eixos principais.

O BNG trasladará tamén a súa convocatoria á parroquia de Chapela. Será o domingo 22 de novembro, ás 12.00 horas, no Multiúsos Piñeiral do Crego. Neste caso, o encontro contará co portavoz municipal, Xoán Carlos González, e coas candidatas ao Congreso Jéssica García e Anxo Iglesias. A formación pretende abordar as demandas da parroquia e explicar as súas propostas para reforzar a representación de Chapela nas institucións estatais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará