Hoxe é Mércores 18 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Alameda Castelao acolle o magosto solidario de Sinha Paca

magosto solidario1

A música, a cultura popular e a solidariedade volverán xuntarse en Redondela coa celebración do Magosto Solidario organizado por Sinha PACA. A cita será o sábado 21 de novembro na Alameda Castelao, cunha programación que comezará ao mediodía e se prolongará ata a noite con actividades populares, castañas e música, con concertos de Catuxa Salom e Sun Iou entre outros.

A festa arrancará ás 12.30 horas cunha sesión vermú amenizada por MANI-FESTA-TE GZ. Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, chegará o groso da programación musical, cun cartel no que figuran Froles Mareliñas, AC Baile Irlandés, Catuxa Salom, Sun Iou e Autofelación Matutina. A música continuará coas sesións de DJ Hedra Velenosa e DJ Lareiriña (RGT 0).

O programa combina propostas de diferentes estilos e procedencias, desde a música tradicional e o baile ata os sons de mestizaxe e as propostas máis alternativas. Entre os nomes destacados está a artista Catuxa Salom, artista galego-arxentina que desenvolve unha proposta propia na que combina ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas. O seu directo combina instrumentos de raíz, percusión, contrabaixo e sintetizadores.

Outra das formacións participantes será Sun Iou, cun repertorio que aposta pola música fusión contemporáena de rock, punk rock, electrónica e música de raíz tradicional galega.

A celebración ten un importante compoñente reivindicativo. A organización instalará unha barra solidaria con Palestina, ademais dun mercadiño e unha carpa, nunha convocatoria que busca facer do magosto algo máis ca unha festa gastronómica: un espazo de encontro, participación e solidariedade.

O Concello de Redondela e a Deputación de Pontevedra colaboran nesta iniciativa, que convida a veciñanza a achegarse á Alameda Castelao o sábado 21 de novembro para compartir unha xornada de música, cultura e compromiso social.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará