Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pavillón da Montesiña acolle a XVIII edición do Certame da Camelia de Soutomaior

RR_Noticias

A mostra, que tradicionalmente se celebra no Castelo de Soutomaior, trasládase este ano ao pavillón debido aos traballos de recuperación do patrimonio que se están a realizar dentro do edificio para a súa musealización. Participarán máis de 50 expositores que amosarán as súas composicións florais durante a fin de semana. O horario de visita será o sábado de 16:00 a 20:00 horas e o domingo durante todo o día dende as dez da mañá.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de Cultura e Turismo , Dores Cernadas, presentaron esta mañá no Pavillón Municipal da Montesiña a XVIII edición do Certame da Camelia que se celebra este fin de semana. A mostra, que tradicionalmente levaba a cabo no Castelo de Soutomaior, trasládase este ano ao citado recinto deportivo debido aos traballos de recuperación do patrimonio que impiden a súa celebración nos xardíns da fortaleza medieval. Máis de 50 expositores xa teñen confirmada a súa asistencia ademais das composicións florais que se poderán gozar en diversos escaparates comerciais de todo o concello de Soutomaior.
Máis de cen metros cadrados de composicións florais, coas variedades máis buscadas, encherán o pavillón municipal de arte e cor. Este ano a mostra contará con máis de 30 expositores locais e 20 doutros municipios como Salceda ou Vilagarcía de Arousa, superando así as 50 composicións florais e confirmando o éxito de participación desta edición.
O Certame da Camelia é un dos fins de semana máis esperados do ano para os afeccionados á xardinaría e a floricultura ao que tradicionalmente asisten centos de persoas. A mostra poderase visitar durante todo o fin de semana. O sábado o horario da exposición será de 16:00 a 20:00 horas mentres que o domingo a mostra estará aberta desde o dez da mañá.
O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios. As categorías da mellor Flor, a Mellor Composición Artística e o Mellor Traballo Escolar contarán con trofeos para o tres mellores propostas. Ademais haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame. Os triunfadores en cada categoría recibirán un exclusivo exemplar desta apreciada especie floral. No caso dos traballos escolares, os premios incluirán un lote de libros para nenos.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará