Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Concello, veciños e empresarios de Redondela celebran a gratuidade da peaxe en Rande

RR_Noticias

A decisión de Fomento de suprimir a peaxe no tramo da autoestrada entre Redondela e Vigo é acollida con satisfacción por parte de todos os colectivos que dende hai anos viñan reclamando que se eliminase ese cobro. A Asociación de Afectados pola AP-9, a Asociación de veciños de Chapela, o colectivo de empresarios e o propio concello celebran a eliminación dunha “peaxe inxusta”. A súa retirada definitiva producirase unha vez Audasa e o Ministerio negocien os tempos e a fórmula, que previsiblemente pasará por repercutir ese custe na tarifa xeral que se abona na autoestrada.

Unha “magnífica noticia” en palabras do alcalde Javier Bas a recibida a primeira hora da tarde de onte cando se facía público o compromiso de Fomento de eliminar a peaxe en Rande. Lembra o alcalde que este anuncio é froito de moitos anos de traballo e negociación e aproveitou para agradecer “a implicación do presidente da Xunta e a Conselleira Ethel Vázquez na negociación”. César Domínguez, da Asociación de afectados pola ampliación da AP-9, lembraba que este é o resultado “dunha loita de nove anos con manifestacións e demandas reiteradas que por fin das os seus froitos”. Salientou os beneficios que para Chapela suporá a supresión deste cobro “coa eliminación dunha parte importante do tráfico que circula pola Avenida de Redondela”. Unha reivindicación que foi tamén continua dende a Asociación de Veciños de Chapela, que xustamente tiñan convocada para este sábado unha manifestación para reclamar, entre outras cuestións, a eliminación da peaxe. Unha protesta que non suspenden pero que si modifican “será unha concentración ás 19:00 horas no Centro de Saúde de Chapela para lembrar que aínda son moitas as demandas pendentes, entre elas a creación dun acceso a esa autoestrada en Torres de Padín”. Así o explicaba Marcial Pérez quen non dubida en aplaudir o anuncio de Fomento “polas importante e positivas repercusións que esta decisión terá en Chapela”. Mesma satisfacción na Asociación de Empresarios de Redondela cuxo presidente, Enrique Lago lembra que esta demanda xa a realizara un dos seus predecesores no cargo, Juan Rivas, hai 20 anos. “A eliminación da peaxe terá repercusións importantes para o noso concello xa que achega Redondela a toda a área sur de Vigo e supón unha conexión directa con Portugal”. Un escenario que entende de “clara mellora a nivel empresarial e comercial”.  

Javier Bas alcalde
Unha peaxe inxusta que por fin é eliminada
César Domínguez Afectados AP-9
Nove anos de loita que dan os seus froitos
Marcial Pérez Asociación Veciños
Unha reivindicación que formaba parte das demandas da protesta do próximo sábado
Enrique Lago Asociación Empresarios
Máis de 20 anos reclamando a supresión da peaxe

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará