Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

SAR Rodavigo, o mellor equipo galego da liga

RR_Noticias

O equipo redondelán, na cuarta praza de Honra Prata feminina, consolídase como o mellor galego da categoría, moi por riba de Carballal, que é noveno, Chapela, no décimo posto, e Seis do Nadal, que pecha a táboa. O domingo visitan a cancha da Cistérniga e aspiran a pelexar polas prazas de ascenso que están a catro puntos.

Falar de balonmán feminino en Galicia é falar do sur da provincia de Pontevedra. De feito, a SAR é o terceiro mellor conxunto desta disciplina na comunidade, só por detrás de Guardés e Porriño, que militan na División de Honra. Na prata acompañan á SAR outro equipo do municipio, o Chapela, e dous vigueses, Carballal e Seis do Nadal. Unha posición que deixa ás de Elisardo Covelo “Chini” en posición de dar a batalla polo ascenso. O técnico amósase moi satisfeito co xogo do equipo que está a ser “mesmo mellor que o ano pasado”. Están a un punto do Oviedo, que ocupa a terceira praza, a catro do Cleba León, que é o segundo, co Puerto del Carmen como sólido líder a sete puntos. Na pelexa están tres equipos, descartado xa o liderado das de Lanzarote, a un gran nivel. Entre Cleba, Oviedo e SAR estará a segunda praza, e “Chini” advirte que os enfrontamentos directos serán “decisivos” nas once xornadas que quedan por diante. Neste tramo de competición agarda recuperar algunhas xogadoras lesionadas, xa que malia comenzar a temporada con 15 fichas, as baixas deixaron mermado ao equipo. As xogadoras da categoría autonómica están a axudar ao equipo, e mesmo algunhas xuvenís están a adestrar co conxunto de máxima categoría. O adestrador valora moito o compromiso de todas e a súa colaboración, e agarda poder “darlles minutos na competición”, xa que sería un premio “moi merecido”. O certo é que a canteira feminina do balonmán SAR non deixa de medrar, e está a colleitar moi bos resultados. O feito de que o primeiro equipo milite na liga Prata e con excelentes resultados tamén anima ás máis pequenas a practicar este deporte. O club conta agora con dous equipos femininos nas categorías alevín, infantil e cadete. Cistérniga-SAR Logo da vitoria ante o Carballal a pasada xornada, o próximo domingo visitan o pavillón da Cistérniga, en Valladolid. Unha cancha “complicada”, segundo o técnico na que acusarán ademais o longo desprazamento en autobús, malia que confía nun resultado positivo. Será o domingo ás 12.30 horas. Xixón-Chapela O Cíes Chapela, que ocupa a décima praza do grupo, xogará o sábado ás 17.00 en Xixón, rival difícil, quinto clasificado do grupo.

Elisardo Covelo "Chini" adestrador da SAR
O técnico salienta a boa campaña que está a realizar o equipo.
Pelexa polo ascenso
Están a catro puntos dos postos que marcan o ascenso e pendentes dos enfrontamentos directos.
Excelente canteira
A canteira feminina no balonmán SAR medra cada ano.
Hand Vall La Cistérniga-SAR Rodavigo
Viaxan a Valladolid o domingo para un enfrontamento que se prevé complicado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará