Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños de Chapela esixen a Bas que negocie bonificacións para o Vitrasa co alcalde de Vigo

RR_Noticias

A partir do 31 de marzo os veciños de Redondela xa non poderán gozar de descontos no transporte urbano de Vigo, polo que urxen ao alcalde a negociar con Abel Caballero unha solución. Para moitos suporá gastar ata 90 euros máis cada mes no bus. Os afectados están a recoller firmas, e o xoves día 18 están convocados a unha reunión no Centro Cultural de Cidadelle ás 21.00 horas.

O 1 de abril a actual “tarxeta verde” do transporte urbano de Vigo deixará de funcionar, e entrará en vigo outro cartón para obter descontos nas viaxes, o denominado “Passvigo”. Esta nova tarxeta, que emite o Concello de Vigo, só está dispoñible para as persoas empadroadas na cidade. E os veciños de Redondela xa non poderán gozar das bonificacións nas viaxes, e o prezo cambiará notablemente, pasando dos 0,89 euros a 1,35. Moitos veciños de Chapela, Cedeira ou Trasmañó que utilizan o Vitrasa a diario para ir traballar, facer compras ou estudar van notalo moito nos seus petos. É o caso de Isabel, veciña de Cidadelle, que realiza ata seis viaxes diarios con transbordos. Isto supón que pasará a pagar “uns 160 euros mensuais, en lugar dos 70 que abona agora de media”. Os veciños afirman que os dous alcaldes, Javier Bas e Abel Caballero, deberían chegar a un acordo para que os usuarios de Redondela poidan seguir gozando de descontos. De feito Vigo xa ofreceu a Redondela bonificacións para a utilización do bus urbano, sempre que o rexedor redondelán “asuma as subvencións que agora paga a administración viguesa”. Moitos veciños de Chapela entenden que o Concello de Vigo deixe de subvencionar o transporte aos veciños doutros municipios, e culpan ao alcalde redondelán, Javier Bas, da falta de xestión e de “non queren facer a achega económica que esixe o rexedor vigués”. Patricia “non entende” que o goberno de Redondela non negocie unha solución co Concello de Vigo “para resolver un problema que afecta a centos de veciños”. Usuarios da parroquia están a recoller sinaturas para esixir que os viaxeiros de Chapela se sigan a beneficiar dos descontos. Cristina, que fai dúas viaxes diarias á cidade, agarda que coa recollida de sinaturas e as protestas se resolva o problema, xa que a liña circula por Chapela “desde hai 40 anos”. Desde a asociación de veciños de Chapela recollen a preocupación dos usuarios e esixen tamén ao alcalde de Redondela que negocie co Concello de Vigo unha solución, ao tempo que advirten que a posta en marcha da Área Metropolitana evitaría este problema. Marcial Pérez, o presidente do colectivo veciñal, explica que os afectados están convocados unha xuntanza que se celebrará o próximo xoves, día 18, no Centro Cultural de Cidadelle, ás 21.00 horas. O colectivo vai propoñer aos veciños “que se mobilicen na rúa” para esixir unha solución, e que o tema se leve ao próximo pleno da corporación para que os grupos políticos o debatan. Reaccións dos grupos políticos Desde o PSOE redondelán xa criticaron “a falta de xestión” do goberno local neste asunto e instan a Javier Bas a que se reúna co rexedor vigués para acadar un acordo mentres non se constitúa a área metropolitana, na que se englobaría o transporte urbano vigués. Paralelamente os socialistas están a convocar reunións coas asociacións e a veciñanza das zonas afectadas. O BNG avoga por impulsar a área Metropolitana para resolver o conflito e consideran como “dereitos adquiridos” as bonificacións das que gozan os veciños destas zonas como compensación ao feito de que Vitrasa circule por esas parroquias.

Isabel veciña de Cidadelle
Usuarios como Isabel verán incrementados en máis de 90 euros mensuais o gasto en transporte.
O alcalde debe negociar
Os afectados entende que Javier Bas debe sentarse a negociar unha solución con Abel Caballero.
Queixas pola falta de xestión
Patricia non entende que o alcalde redondelán non busque solucións para os veciños de Chapela.
Recollida de firmas
Cristina confía en que a recollida de sinaturas e as protestas sirvan para que a administración lles dea unha solución.
Marcial Pérez Asociación de Veciños
O colectivo insta ao Concello de Redondela a chegar a un acordo co alcalde de Vigo.
Mobilizacións
Os veciños non descartan mobilizacións na rúa se non teñen unha solución antes de que a passvigo entre en vigor.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará