Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Carmen Amoedo: “A nosa prioridade é que se garanta a seguridade dos nenos no CEIP Igrexa”

RR_Noticias

A tenente de alcalde do Concello de Redondela recoñece que apertura do terceiro carril da AP-9 pegado ao centro de ensino “é unha mala nova”. Lamenta que desde o ministerio de Fomento non contestaran á petición do goberno local para que ese carril permanecese pechado mentres os alumnos non se trasladasen ao novo centro que se vai construir. O colexio está en fase de contratación e os traballos comezarán “canto antes”.

A inauguración da ampliación da autoestrada o pasado sábado supuxo tamén a apertura ao tráfico do terceiro carril en Chapela, incluído o tramo que discorre ao lado do CEIP Igrexa. Desde o goberno local a tenente de alcalde, Carmen Amoedo, cualifica como unha “mala nova” este feito. A proposta do Concello, e que comparte tamén a Anpa do centro, é que ese carril se empregase só para a incorporación de vehículos, e o resto permanecese balizado. Amoedo insiste en que a prioridade do goberno local é “a seguridade dos alumnos” e comparten a preocupación dos veciños e a Anpa do centro. Explica que o muro realizado a carón do colexio é “de máxima seguridade” pero esixe que a administración responsable certifique que se poden retomar as clases o próximo 8 de xaneiro “con total garantía”. A tenente de alcalde asegura “non entender” por que Audasa e o Ministerio de Fomento non contestaron aínda ás peticións do Concello realizadas hai case dez meses, entre as que solicitaban que ese terceiro carril permanecese pechado ata que os alumnos do CEIP Igrexa foran trasladados ao novo colexio. O ministerio de Fomento e Audasa comprometéronse a construir un novo colexio na coñecida como “finca da Ginaria”. Segundo Amoedo o proxecto está en fase de contratación e os traballos comezarán “canto antes”. Estiman que o prazo aproximado de execución será aproximadamente dun ano, pero non ofrece unha data de inauguración para o novo centro. Afirma que “non sería sensato” xa que o prazo de execución da obra depende “de moitos factores”.

Carmen Amoedo tenente de alcalde
Recoñece que a apertura do terceiro carril é unha mala nova.
Garantir a seguridade
A prioridade do Concello é garantir a seguridade dos alumnos.
Reclamación a Fomento
Agardan unha resposta de Fomento e Audasa sobre a petición de manter pechado ese carril.
Novo colexio
As obras comezarán canto antes pero aínda non hai data.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará