“Comprender Catalunya hoxe” é o título da charla coloquio que terá lugar este venres no Multiúsos da Xunqueira ás 20:30 horas organizado pola asociación cultural Alén Nós. Unha actividade aberta que contará coa presenza do historiador e activista social Vítor M. Cabral Rodrígues, quen trasladará aos asistentes as claves para entender o que está pasando en Cataluña a tan só uns días do 1-O e achegará de primeira man a sensación de “ilusión e mobilización” que se vive nas rúas.
Confrontar opinións e explicar de primeira man o que está a acontecer en Cataluña é o obxectivo do acto que se celebra mañá no Multiúsos convocado por Alén Nós. E nada mellor que contar cun galego residente en Cataluña, Vitor Cabral, experimentado comunicador como membro do consello de redacción dun medio de comunicación local, a Revista Sió de Agramunt ademais de activista social, actualmente na Fundació Solidària Flama, unha iniciativa que ten como principal obxectivo o fomento da solidariedade entre os pobos. A súa testemuña servirá para entender como se chega ata a convocatoria dun referendo, declarado ilegal polo Tribunal Constitucional, pero que conta co apoio dunha importante parte da poboación que defenden o seu dereito a decidir. Un proceso que ven de lonxe e que é froito, segundo explica Cabral “de que durante máis dunha década non se atendeu ás demandas da cidadanía e das institucións catalás na súa petición de melloras e reformas na súa relación co Estado”. Sobre o clima que se vive en Cataluña nega rotundamente as informacións que falan dun “clima de violencia e enfrontamento entre os que apostan polo si ou polo non” e si fala dunha “estratexia do medo” por parte do Estado para evitar que se celebre o referendo do vindeiro domingo. A tres días da convocatoria confirma que é moi difícil aventurar que vai pasar o 1 de outubro pero asegura que “a mobilización vai ser importante, a xente vai saír á rúa coa intención de ir votar malia que non vaia ser doado ante a presenza de tantas forzas policiais”.