Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A praia da Punta mantén a bandeira azul por cuarto ano consecutivo

RR_Noticias

O areal da Punta en Cesantes mantén este distintivo que valora a calidade da auga, a seguridade, os servizos e a accesibilidade. Un recoñecemento que conseguía en 2014, converténdose no primeiro areal redondelán con este galardón. Galicia recibe un total de 113 bandeiras para os areais de 38 concellos e mantense no segundo lugar como comunidade con máis bandeiras azuis nos seus areais, só por detrás de Valencia.

A bandeira azul volverá ondear na praia de A Punta en Cesantes, por cuarto ano consecutivo, logo de que en 2014 a proposta recibise o visto e prace da Asociación de Educación Ambiental, encargada en España de outorgar este recoñecemento no que se valora a calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
A comunidade galega, con 113 bandeiras, mantén a súa posición como segunda comunidade con máis distintivos só pro detrás de Valencia con 129 distincións.
Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego con máis bandeiras azuis, con 11 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2016; e a recuperación da bandeira azul para a praia da A Concheira e A Ribeira, en Baiona; e de Panxón, en Nigrán.
Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete; seguido de Boiro, con seis areais distinguidos. Camariñas e Ponteceso volven a sumarse á lista de concellos con areais galardoados coa praia de Arou e de Valarés, Ermida e Osme, respectivamente.
Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é o concello máis recoñecido, con catro galardóns para as praias de Peizá, Llás, As Polas e A Pampillosa.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará