Hoxe é Venres 6 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Carlos Rey, adestrador da SAR: “Deixo o balonmán no que é o club do meu corazón”

RR_Noticias

Despois de 51 anos vencellado a este deporte, 44 deles como técnico, Carlos Rey di adeus ao balonmán activo. A pasada xornada despediuse como adestrador no último partido de liga en Redondela, deixando á SAR na Primeira Nacinonal. Xogadores de todas as categorías, directivos e afección rendéronlle unha cálida homenaxe coa que confesa sentirse “moi agradecido e emocionado”.

Para Rey é un momento “feliz e triste ao mesmo tempo” no que pon fin a unha longa etapa dedicado ao balonmán. E faino no que é o club “do seu corazón”. A SAR despediu a liga 2016-2017 ante o Acanor Novás, un dos equipos máis fortes da categoría. Os redondeláns perderon dun gol malia facer un espléndido partido, pero o resultado era o de menos. Tratábase de despedir a varios históricos do balonmán que esta fin de semana deixaban a competición oficial: Marcos Otero, Manu Rey, Ramón Galindo e o propio adestrador. Unha despedida moi emotiva para o técnico que ase amosou moi agradecido tanto aos xogadores como á directiva e a afección da SAR. Deixa o club como adestrador pero non como seareiro, xa que afirma que será da SAR “ata que morra”. Carlos Rey foi o adestrador que máis anos dirixiu ao equipo sénior de máxima categoría, fíxoo durante 12 temporadas, entre elas a do ascenso a Primeira Autómica. Noutras etapas adestrou tamén ao equipo feminino, e tamén foi técnico doutros clubs da bisbarra como Seis do Nadal ou Carballal. Agora comeza unha nova etapa, con máis tempo para a familia e os amigos. Con todo, advirte que seguirá vencellado á SAR, aínda que sen os sacrificios que supón o papel de adestrador. Augura un bo futuro para o equipo, con xogadores moi novos como Yeray ou David Chao. Trátase de xuvenís que debutaron co primeiro equipo da man de Rey, e que son xa referentes dentro do grupo. A súa filosofía de aposta pola canteira, que comparte a directiva, deu os seus froitos e SAR conta maioritariamente con xogadores formados “na casa”. Desde a directiva o presidente Aurelio Krook “Lito” amosou tamén o seu agradecemento a Rey polo traballo feito no club, tanto na Primeira Nacional como sendo cordinador do resto de categorías. Explica que o seu apoio á canteira “fixo medrar ao equipo”, que pelexará de novo a próxima temporada na Primeira Nacional.

Carlos Rey adestrador da SAR
O técnico pon fin a unha etapa de máis de catro décadas como adestrador.
Emotiva homenaxe
Unha emotiva despedida da que di sentirse agradecido e emocionado.
Unido á SAR para sempre
Malia deixar o papel de técnico seguirá sempre vencellado á SAR como socio e afeccionado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará