Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Cesantes, a un paso do “asalto”

RR_Noticias

Logo do triunfo sobre o Cerponzóns, o equipo de Jonathan Álvarez está en postos de ascenso directo a Segunda Autonómica. Esta noite xogan na Gándara o primeiro partido da Copa Deputación ante o Figueirido, e o domingo visitan en liga o campo do Cotobade. Será a primeira das tres finais que teñen por diante para acadar o soño do ascenso.

Os números falan por si mesmos: suman once xornadas sen coñecer a derrota, con oito vitorias consecutivas. Coa humildade dos modestos, o adestrador fala da “ilusión” coa que o equipo afronta esta situación “nova para eles”. Álvarez, que xa conseguiu un ascenso a Segunda Autónomica co Arcade, atribúe o mérito ao compromiso dos xogadores. Afirma que son “o máis parecido a un equipo profesional que se pode atopar nesta categoría” e agradece o apoio “de toda a xente que está detrás do equipo” axudando para conseguir este obxectivo. Só restan tres xornadas para rematar a liga, son segundos con 55 puntos, dous máis que o Cerponzóns, que é o terceiro. O líder, o Salcedo, está só tres puntos por diante e tamén terá que visitar o campo da Gándara nas próximas datas. A próxima cita será no campo do Cotobade, onde confían en manter os bos resultados colleitados nesta segunda volta. Con todo, o adestrador non se confía, xa que o rival é tamén un equipo competitivo malia estar na metade baixa da táboa. Copa Deputación Antes teñen outra cita. Esta mesma noite disputan a primeira ronda da Copa Deputación. O rival neste caso será o Figueirido C.F., da segunda rexional. Será no campo da Gándara, no Viso, ás 21.00 horas. Un encontro para o que o técnico prepara moitas rotacións, xa que o obxectivo prioritario é a liga. Campaña nas redes sociais Para a reta final da liga, na que teñen o ascenso en xogo, o club puxo en marcha nas redes sociais a campaña “#OAsalto” para incentivar a asistencia ó campo, de forma gratuita, e a afección está a responder e xeito moi positivo. A única queixa de Jonathan Álvarez, e á marxe do estritamente deportivo, é a falta de apoio por parte das institucións e a mala situación das instalacións do Club Deportivo Cesantes. Malia estar a piques de dar o salto a Segunda Autonómica seguen a xogar nun campo de terra “dos que case non existen na bisbarra”. Agardan que, se conseguen o salto de categoría, o Cesantes poida gozar dunhas mellores infraestruturas.

Jonathan Álvarez adestrador
O técnico fala da ilusión coa que vive o equipo esta situación.
Cotobade-Cesantes
O equipo buscará unha vitoria en Cotobade para manter as opcións do ascenso directo.
Copa Deputación
A cita copeira será hoxe ás 21.00 horas ante o Figueirido no campo da Gándara.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará