Hoxe é Luns 20 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os participantes no concurso radiofónico visitan o Meirande e San Simón

RR_Noticias

O alumnado participante no I Concurso de teatro radiofónico escolar, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística e a Radio Municipal de Redondela, participou da actividade que premia os seus traballos: unha visita guiada ao Museo Meirande e mais á Illa de San Simón. En total foron un grupo de 80 escolares e profesorado do CEIP Santo Paio de Abaixo, CPR Plurilingüe Vigo, IES Mendiño, IES Pedro Floriani e IES Illa de San Simón.

A actividade, organizada polo SNL do Concello de Redondela, premiou o traballo desenvolvido polo alumnado participante nesta primeira edición do concurso de teatro radiofónico, no que se realizaron obradoiros de teatralización radiofónica, a gravación das pezas en Radio Redondela e a súa posterior difusión a través da emisora de radio municipal, das redes sociais e da plataforma SoundCloud: https://soundcloud.com/servizo-normalizaci-n-ling-stica-redondela/sets/teatro-radiofonico
Na viaxe os escolares gozaron dunha visita guiada ao museo Meirande, onde puideron ver tamén un vídeo sobre a Batalla de Rande, e outro sobre o choco, a súa vida e crianza na ría, e a súa importancia na actividade económica redondelá.
Na Illa de San Simón realizaron tamén unha visita guiada na que foron descubrindo a historia e os lugares máis destacados da illa, a súa actividade como lazareto, orfanato, campo de prisioneiros e cárcere, a solidariedade das mulleres redondelás cos prisioneiros alí confinados, pero tamén a rehabilitación da illa e o rico patrimonio natural que conserva.
A actividade vén como colofón ao traballo desenvolvido por estes centros e co desexo de que se continúe organizando este concurso de teatro radiofónico escolar, onde o alumnado redondelá estimula a súa creatividade, mellora a súa competencia lingüística en lingua galega e explora novas actividades de normalización e dinamización lingüística que contribúen a estender o uso do galego entre a poboación máis nova.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará