Sete establecementos súmanse á iniciativa impulsada por Adrián Montero Barreiro para recuperar o ocio nocturno en Redondela. A primeira cita será este sábado 21 de novembro e contará con sorteos e outras sorpresas nos locais que se sumaron a esta proposta: La Fábrica, Alma, Lolita, Aquelarre, Trisquel, Mambo e Discotasca.
Redondela prepárase para recuperar as súas noites de festa. Este sábado 21 de novembro celebrarase a primeira Noite Redondelá, unha iniciativa promovida por Adrián Montero Barreiro que busca devolverlle á vila o ambiente nocturno e converter a música e o ocio nun novo punto de encontro para a mocidade.
Esta primeira convocatoria quere ser o comezo de algo máis que unha noite puntual de festa. O obxectivo é que a mocidade volva ter motivos para quedar en Redondela e gozar do ocio nocturno sen necesidade de desprazarse a outros concellos. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o encontro entre a xente nova e contribuír a recuperar un ambiente que durante anos foi unha das sinais de identidade da vida social da vila.
Para esta estrea, a organización ten preparadas diferentes propostas, entre as que haberá sorteos e outras sorpresas para animar a participación e facer desta primeira edición unha noite especial.
A intención de Adrián Montero Barreiro é que a Noite Redondelá teña continuidade no tempo e se consolide como unha cita habitual, polo menos un sábado ao mes. A data escollida para estas convocatorias será, en principio, o penúltimo sábado de cada mes, coa intención de crear unha referencia estable no calendario de ocio nocturno do municipio.









