Hoxe é Venres 20 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un Circo de Nadal e a Orquestra Kubo, grandes novidades dunha programación que arrincará o día 27 co acendido das luces

nadal

O Nadal en Redondela dará comezo a vindeira semana con dous actos de acendido do alumeado, o venres 27 na praza do Concello e o sábado 28 na Alameda de Chapela, ambos os dous acompañados polo espectáculo «O sorriso de Lúa», de Troula Animación. Entre as principais novidades desta edición destacan a instalación dunha gran carpa na Marisma, que acollerá o primeiro Circo de Nadal entre o 24 de decembro e o 3 de xaneiro, e unha gran festa de Noitevella coa actuación da Orquestra Kubo.

O Concello de Redondela dará o pistoletazo de saída oficial ás festas do Nadal a vindeira semana co acendido do alumeado. A primeira cita terá lugar o venres 27 de novembro en Redondela. A celebración comezará ás 19:00 horas co pasarrúas de Troula Animación, que partirá desde a Praza de Ribadavia para percorrer as rúas do centro coa montaxe “O sorriso de Lúa”. A continuación, ás 20:00 horas, celebrarase o acto oficial de acendido das luces na Praza do Concello.

Ao día seguinte, o sábado 28 de novembro, a festa trasladarase a Chapela. A xornada arrincará ás 19:00 horas cun novo pase do espectáculo “O sorriso de Lúa” a cargo de Troula Animación, que culminará co acendido oficial do alumeado na Alameda Rosalía de Castro.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que o acendido marca o inicio dunhas datas moi especiais pensadas para toda a veciñanza e para apoiar o dinamismo económico do municipio. “Queremos que Redondela e Chapela brillen con luz propia e que as nosas rúas sexan un punto de encontro cheo de ilusión para as familias, ao tempo que impulsamos a actividade do noso comercio e da hostalaría local”, sinalou a rexedora.

Ademais do tradicional acendido, o goberno local aposta nesta edición por un Circo de Nadal, xestionado polo propio Concello. A carpa que estará instalada na Marisma entre o 24 de decembro e o 3 de xaneiro acollerá galas de circo, espectáculos infantís, humor e actuacións pensadas para todos os públicos.

Outra das novidades é a Gran Festa de Fin de Ano. O municipio dará a benvida ao 2027 cunha gran verbena tras a tradicional toma das uvas. O evento contará coa actuación da Orquestra Kubo, considerada unha das mellores formacións musicais de Galicia, para que a veciñanza e visitantes poidan prolongar a celebración da Noitevella. A concelleira de Cultura, Rita Pérez, puxo en valor o salto de calidade e a variedade da programación deste ano. “Apostamos por propostas novidosas e de primeiro nivel, como o noso primeiro Circo de Nadal ou a gran festa de Fin de Ano coa Orquestra Kubo, para ofrecer alternativas culturais e de lecer pensadas para todos os públicos sen ter que saír de Redondela”, explicou a edil.

O Ciclo Interparroquial Infantil trasládase ao primeiro trimestre de 2027

Por outra banda, o Concello informou de que o Ciclo Interparroquial Infantil gaña peso e entidade propia dentro da axenda cultural. Debido ao grande éxito de participación rexistrado nas edicións anteriores, esta iniciativa trasladarase ao primeiro trimestre de 2027 co obxectivo de reforzar a súa programación e garantir que as actividades cheguen a todas as parroquias do municipio

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará