Á espera de elaborar a lista que a Fronte Popular Galega presentará ás eleccións municipais de maio, todo apunta a que o seu candidato será Alberto Covelo (Redondela, 1971). A FPG márcase como obxectivo acadar representación e entrar a formar parte da corporación municipal.
A candidatura promovida dende a FPG pretende aglutinar na súa lista a colectivos sociais e veciñais, motivo polo que están a realizar un traballo parroquial reuníndose con representantes de diferentes asociacións. O seu candidato, Alberto Covelo entende que existe un elevado número de veciños que “non atopan a quen votar” entre os partidos que veñen presentando as súas candidaturas nos últimos anos, algo que quedou patente ao seu entender tanto pola elevada abstención nos últimos comicios municipais de hai catro anos como polo importante número de persoas que optaron polo voto nulo (1.539). Un nicho electoral que Covelo entende que podería ser ocupado pola FPG. Traballador de Urbaser e sen experiencia política, aínda que si sindical como membro da Central Unitaria de Traballadores (CUT), Covelo amósase confiando en acadar representación “a pesar das dificultades de ser unha formación nova e sen recursos económicos”. Entenden que unha agrupación como esta que se define “como galeguista, de esquerdas, feminista e ecoloxista” ten cabida no Concello de Redondela. No ámbito municipal fan bandeira de temas como as infraestruturas posicionándose en contra de obras como a construción da A-59 ou a ampliación da AP-9 por “innecesarias”.