Hoxe é Mércores 21 de Outubro de 2020

O departamento de Tráfico pon en marcha unha campaña de control na zona azul da Alameda

RR_Noticias

Axentes da Policía Local controlarán que se cumpran os tempos de estacionamento e sancionarán aos condutores que non coloquen o disco horario ou superen os 90 minutos. Desde a concellaría fan un chamamento “á responsabilidade” dos condutores, recomendando a aqueles que precisen máis tempo de estacionamento que aparquen en zonas como a Avenida Mendiño.

A Policía Local de Redondela iniciou unha campaña de control das prazas de aparcadoiro na zona azul da Alameda. A medida adoptouse pola “relaxación” dos condutores á hora de cumprir coa normativa, que establece a obrigatoriedade de colocar o disco horario no parabrisas no que se debe indicar a hora de chegada. O tempo máximo permitido para permanecer na praza é de hora e media. A regulación do aparcadoiro do Campo da Feira con este sistema foi posta en marcha pola Concellaría de Tráfico hai algo máis dun ano “co obxectivo de facilitar o aparcadoiro no centro urbano e favorecer a rotación”, segundo explica o concelleiro responsable, Eduardo Reguera. Este sistema funciona de luns a venres en horario comercial (de 9.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas) e os sábados pola mañá. Pero nos últimos meses detectouse que cada vez son máis os usuarios que non cumpren coa normativa, non colocan o disco no parabrisas, e xa é habitual ver a coches estacionados durante toda a mañá ou toda a tarde no mesmo lugar. Desde o departamento de Tráfico fan un chamamento a “responsabilidade” dos veciños para que respecten as normas do aparcadoiro, e recomendan a aqueles que deban estacionar o seu vehículo durante máis tempo a que se despracen a outras zonas como a Avenida Mendiño, a escasos metros do centro da vila. No caso de carecer de disco horario a Policía Local asegura que é suficiente con indicar nun papel, en lugar ben visible, a hora de chegada. En todo caso o disco pódese recoller gratuitamente nas instalacións da Policía, onde dispoñen deles. Aparcadoiro Vilavella Reguera Ocampo entende que en Redondela “hai espazos suficientes” de estacionamento, tanto en zonas públicas como no aparcadoiro privado, aínda que entende que é preciso dotar de máis prazas a zona de Vilavella. Con este obxectivo habilitarase unha zona azul con delimitación horaria debaixo do viaduto vello, na rúa Ernestina Otero. Por outra banda o responsable de Tráfico anunciou que o Concello “está a negociar” o aluguer dun terreo nunha zona próxima ó antigo convento para habilitala tamén como aparcadoiro.

Eduardo Reguera concelleiro de Tráfico
A campaña de control ponse en marcha para favorecer a rotación dos vehículos
Responsabilidade dos condutores
Reguera sinala a importancia de cumprir os horarios e lembra que existen ouras zonas de aparcadoiro.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *