Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco recupera o liderado cunha vitoria sobre o Caselas

RR_Noticias

Os de Julio Álvarez déronlle a volta ó marcador nos últimos cinco minutos de xogo e recuperaron en Santa Mariña o primeiro posto da Preferente. O Arcade tamén gañou o seu partido na Primeira Autonómica diante do Valladares. Na Terceira venceron Cesantes, Souotmaior, Arcade B e Nespereira.

Rexional Preferente
Choco 2- Caselas 1
A vitoria en Santa Mariña devólvelle o liderado ós redondeláns. En 5 minutos déronlle a volta ó marcador nun encontro no que houbo que agardar ó último cuarto de hora para ver todos os goles. O partido tivo dúas partes moi diferentes. O xogo comezou cun Caselas moi ambicioso, que mesmo tivo dúas claras oportunidades nos primeiros minutos por parte de Toñi e Bruno, pero foron abortadas con dúas grandes paradas de Cortegoso. Despois rematouse o bo fútbol, e só se puideron ver balóns de defensa a defensa. Ata o minuto 75 non se volveron ver ocasións de gol. A oportunidade foi do Caselas nun córner que sacou Fidalgo, a defensa despexou corto e Millos, de tiro pola escuadra, bateu a Cortegoso. O gol serviu para que os de Julio Álvarez espertasen, e no último cuarto de hora do partido o dominio do Choco foi total sobre a portería de Iván. E o traballo non tardou en dar os seus froitos. No minuto 85 Michel centrou desde a esquerda, cabeceou Aitor Gómez e Kennedy, na mesma liña de gol, marcou o tanto do empate. Os redondeláns, con tempo aínda para a remontada, seguiron acosando a portería rival. E no minuto 90 Hermida fixo un tiro raso ó punto de penalti e Aitor Gómez, libre de marca, conseguiu o 2-1. Ese sería o resultado definitivo que serviu para devolverlle o liderado ó Choco. O segundo, o estradense, está a 2 puntos deles. Na próxima xornada xogarán no campo do Porriño Industrial, un dos equipos que quere engancharse ós postos altos da táboa.
 
Primeira Autonómica
Arcade 1- Valladares 0
O Arcade recuperou a senda do triunfo nun fermoso partido disputado no Salgueirón. A primeira parte comezou cun gol moi cedo, no minuto 18, obra de Borja desde a banda esquerda. O Valladares tivo un par de ocasións, de Víctor e Cali, pero faltoulles o acerto. A segunda metade foi do arcade, con ocasións moi claras de Berto e Lito. Pero xa non subiron máis goles ó marcador, quedando o 1-0 como resultado definitivo. Un resultado polo tanto, moi positivo, e diante dun rival de entidade, o que dá ánimos renovados ó equipo para seguir traballando por asegurar a permanencia canto antes. A posición do equipo na táboa é a mesma, son 14º, pero xa máis afastados en puntos da parte baixa. A próxima xornada viaxan ó campo do Salvaterra.
 
Segunda Autonómica
Nieto 3- Chapela 2
O Chapela non foi quen de impoñerse ó Nieto nun encontro con moitos goles. Con todo os redondeláns manteñen a segunda praza do grupo, aínda que deixando a 1 só punto ó terceiro, o Ribera. A próxima xornada reciben ó Mos, 6º clasificado.
Terceira Autonómica
Cesantes 2- Verducido 1
O cesantes impúxose ó Verducido, un dos colistas. Os de Redondela manteñen a súa posición na metade alta da táboa. Na próxima xornada xogarán no campo do Estación, un posto por riba deles.
 
Presqueiras 0- Soutomaior 5
O Soutomaior foi moi superior ó Presqueiras, o colista do grupo. Os dobretes de Calú e Fabián, e outro gol máis de Fran foron os artífices da goleada que recibiu o Presqueiras. Os de Soutomaior conservan a 3ª praza, e a próxima xornada reciben ó Vilaboa, o líder do grupo.
 
Salcedo 2- Arcade B 5
O Arcade protagonizou tamén unha goleada sobre o Salcedo. A vitoria mantenos na metade da táboa. A próxima cita será cando reciban ó Beluso, un dos equipos da parte alta da táboa.
 
Choco 2- Casablanca 3
A pesares da derrota o Choco mantense na metade alta da táboa, son 6º, grazas ás derrotas colleitadas polos seus rivais directos. A próxima xornada terán unha saída complicada, xa que xogan no campo do Coia, segundo clasificado da táboa, que ven de perder o seu liderado fronte ó Matamá.
 
Nespereira 2- Areas B 0
O Nespereira colleitou por fin unha vitoria, foi fronte ó Areas B, equipo da metade da táboa. Con todo os redondeláns, seguen como colistas do grupo. a próxima xornada xogan no campo do Vilasobroso.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará