Hoxe é Xoves 16 de Setembro de 2021

O BNG de Soutomaior acusa ao Concello de vetar unha charla sobre a Gripe A

RR_Noticias

Os nacionlistas pídenlle ao goberno do popular Agustín Reguera que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo destinado ao uso dos veciños.

A conferencia, que ía impartir o xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Luís Vázquez Vizoso, no Multiusos de Arcade, foi suspendida despois de que a Concelleira de Cultura, Dolores Cernada, se negara a celebración da charla, xa que afirmaba que non contaban con ningún tipo de reserva para a hora e o día na que estaba prevista a conferencia.
O BNG de Soutomaior afirma que con esta actuación “o goberno municipal do PP demostra unha vez máis a manipulación das infraestructuras, instalacións e servizos públicos ao seu antollo, tentando negarlles aos veciños a celebración dunha conferencia de interese xeral para a sociedade sobre a Gripe A”. Os nacionalistas afirman que non é a primeira vez que este Concello boicotea un acto informativo organizado polo BNG ao non cederlle as instalacións do Multiusos, malia  non contar con ningunha actividade programada para o día e a hora solicitados.
No pleno de novembro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG solicitara coñecer os criterios que emprega a Concellaría de Cultura á hora de ceder as instalacións do Multiusos, o campo municipal de fútbol ou o local de ensaio da escola de Alxán. Os nacionalistas reclamaron, nese momento, un regulamento de reservas e uso das instalacións para rematar coa discriminación para o uso destes espazos. O BNG pídelle ao goberno de Soutomaior que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo cultural concebido para o uso de todos os veciños. A charla impartirase finalmente este venres 18 de setembro na Biblioteca Municipal.
 

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *