Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xa se poden facer as reservas para visitar a Illa de San Simón

RR_Noticias

Desde este sábado día 15 e ata finais do mes de setembro retómase o servizo de visitas guiadas gratuítas á Illa. As reservas deben realizarse a través da páxina web www.illadesansimon.org ou no número de teléfono 986 90 38 84.

Como xa anunciara a pasada semana a Oficina de Turismo de Redondela, a Consellería de Turismo retomará a partir desta sábado o programa de percorridos guiados pola Illa de San Simón durante a segunda quincena do mes de agosto e os fins de semana de setembro. O sistema segue a ser o mesmo que nos meses de maio e xuño, as reservas deberán facerse a través da páxina web www.illadesansimón.org ou chamando ao número de teléfono 986 90 38 84 (en horario de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas). Os barcos sairán desde os portos de Cesantes, en Redondela, ou desde San Adrián de Cobres, no municipio de Vilaboa, en función do estado do mar. A través deste programa gratuíto, os interesados poderán participar en percorridos guiados polo recinto, realizar visitas auto-guiadas ou visitar o centro de interpretación das illas e o resto de exposicións. Os percorridos guiados duran unha hora e abordan a historia da illa, a función do conxunto e das edificacións ao longo dos anos e os seus cambios de uso así como os valores culturais e naturais tanto da illa como da Enseada de San Simón. Durante o mes de setembro, ademais das visitas guiadas, tamén se realizarán percorridos marítimos polo interior de ría co obxectivo de divulgar os valores naturais deste espazo protexido e dar a coñecer os recursos e o patrimonio de San Simón. Este programa de visitas permitirá que máis de 7.000 persoas accedan de balde ao arquipélago declarado Ben de Interese Cultural, que se sumarán ás 5.000 que durante os meses de maio e xuño visitaron San Simón, antes de que a Consellería suspendera as visitas pola extinción do convenio con Caixanova, entidade que sufragaba o transporte en barco dos visitantes. A Fundación Illa de San Simón continuará coa súa actividade durante os meses de outubro e novembro a través dun programa educativo dirixido a uns 2.000 escolares, que dará continuidade aos programas realizados o pasado ano.

Ana Sacarrera
Unha das responsables da Caseta de Turismo de Redondela xa nos adiantaba o reinicio das visitas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará