Hoxe é Martes 5 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela FS sela a permanencia en Terceira con oito vitorias seguidas no tramo final

WhatsApp Image 2026-05-05 at 17.46.38

O Redondela FS pechou a súa primeira tempada na Terceira División Nacional cunha contundente vitoria na pista do Sala Ourense. O equipo rematou no noveno posto da clasificación, tras encadear cinco vitorias consecutivas nunha excelente segunda volta que lle permitiu asegurar a permanencia na categoría.

Nun ano de estrea na máxima categoría do fútbol sala galego, tras o ascenso da pasada tempada, o conxunto redondelán demostrou capacidade competitiva e confirmou que merece estar neste nivel. O balance final foi de 13 vitorias, 14 derrotas e 3 empates, sumando un total de 42 puntos. Fer Pitart, adestrador do primeiro equipo, valorou positivamente: “A tempada foi bastante atípica, na que fomos de menos a máis. Houbo unha parte da tempada que foi bastante dura para nós, xa que entramos nun bucle moi anticompetitivo no que non saía absolutamente nada. Aínda así, pintando todo bastante feo, a unión grupal seguiu permanente e conseguimos o obxectivo principal, que era a permanencia”, explicou.

O técnico, que cumpre o seu terceiro ano no club (e entrará no cuarto), recoñeceu as dificultades iniciais: “A Terceira División é un nivel moi alto. O salto desde Preferente é moi grande tanto a nivel físico como táctico e de xogadores individuais. É moi esixente fisicamente”.

Para dar a volta a situación Pitart e os segundo adetrador Sergio Domán centráronse no traballo mental e motivacional: “Era importante que estiveran a gusto, que volvesen a disfrutar disto, que ao final é do que se trata. Porque ningún vivimos disto e creo que disfrutando e competindo sempre acaban saíndo as cousas”.

O equipo rematou con baixas importantes: “Acabamos a tempada con bastantes lesións. A maioría son a nivel muscular, de sobrecargas e sobreesforzos. O nivel de esixencia aumenta e o corpo nótao”, comentou. Malia iso, o grupo mantivo a unión e conseguiu oito vitorias nas últimas xornadas, o que foi clave.

Pitart salientou dous partidos especialmente emotivos. Un deles, contra o líder que é o CD Composala: “Quedamos 7-6 en casa. Íamos por diante, pero lograban empatarnos todo o rato.  Conseguimos meter o 7-6 con 1,6 segundos no marcador. Unha loucura. Sen eses tres puntos non estaríamos respirando aínda”. Outro foi en Marín: “Fomos todo o partido por detrás durante 38 minutos e nos dous últimos demos a volta e gañamos 7-9. Saíu o espírito competitivo no campo”.

O adestrador agradeceu o labor do seu compañeiro no corpo técnico, Sergio Domán, e da directiva: “Fixeron un traballazo”.

O filial, sexta praza en Preferente

Pola súa banda, o equipo filial do Redondela FS rematou na sexta posición da categoría Preferente tras vencer por 2-5 no campo do Indecisos FS. “Para min foi unha sorpresa, porque loitamos por estar arriba case toda a tempada. Son chavales moi novos que subiron o ano pasado de xuvenil División de Honor e deron o salto a sénior. Cumpriron con creces”, valorou Pitart. O técnico tamén recoñeceu o bo traballo do adestrador do filial, David Comesaña, no seu primeiro ano na categoría.

O club mantén o seu papel como referente galego, coa base consolidada e varios equipos en categorías altas. “O importante é que os nenos da base o pasen ben e seguir crecendo como club, pero sempre disfrutando do deporte”, concluíu o adestrador. 

Tras o peche da tempada, o equipo gozará dun merecido descanso antes de preparar a nova campaña, na que o obxectivo volverá ser competir e manterse na categoría.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará