O voceiro do BNG, Xoán Carlos González critica a falta de interese “do goberno de Digna Rivas por defender os dereitos da veciñanza” e reivindica que a nave dedicada a almacenamento de bovinas de aceiro debe saír da parroquia e reubicarse en chan industrial. A empresa continúa a traballar malia que o Concello decretou a suspensión inmediata da actividade o pasado 15 de abril.
O edil nacionalista enumerou nun encontro coa veciñanza os prexuizos de manter esta empresa na súa ubicación actual, na céntrica rúa josé Fernández López “cun paso continuo de vehículos que favorecen a inseguridade viaria nunha zona altamente poboada, a contaminación acústica e incide negativamente na calidade de vida dos veciños e veciñas de Chapela”.
O edil sinala que a empresa leva varias décadas beneficiándose dunha situación moi vantaxosa no medio dun núcleo urbano e “compre agora buscar unha saída para que traslade a súa actividade a un polígono industrial”.
Un dos aspectos que máis preocupa á organización nacionalista consiste na repotenciación para dar resposta ás necesidades enerxéticas da empresa que precisaría da construción dun novo centro de transformación. “A empresa presentou un Proxecto de almacén loxístico de chapas de aceiro, ao que o concello resposta explicándolle son os pasos que debe dar para regularizar a situación”, desvelou o voceiro do BNG que engade que “o goberno de Digna Rivas non amosou interese en defender a veciñanza indo sempre a remolque da Asociación de Veciños de Chapela quen denuncio a situación irregular da nave no verán do ano 2025”.









