Hoxe é Mércores 6 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela convoca un concurso de ideas para reformar Villa Elisa

villa elisa horizontal

O proxecto deberá contemplar a transformación deste histórico edificio nunha Biblioteca Municipal. O certame, que contará cun xurado profesional, contempla premios por valor de 20.000 euros e un investimento previsto en obra de máis de 2,5 millóns de euros.

A finca coñecida como Villa Elisa situada na rúa Ernestina Otero foi adquirida polo concello por valor de 659.000 euros co obxecto de acondicionar o edificio para albergar a futura biblioteca. O edificio, cunha superficie construída de máis de 700 metros cadrados deberá ser sometido a unha importante reforma para ofrecer unha biblioteca moderna e accesible e non perder o seu encanto actual.

Con ese obxectivo o Concello convoca un concurso de ideas que contará cun xurado profesional e premios por valor de 20.000 euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, xunto co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano González, e o presidente da delegación de Vigo do COAG, Manuel Martínez, formalizaron o convenio de colaboración que regulará este concurso de proxectos para a rehabilitación e ampliación deste inmoble histórico. O obxectivo deste acordo é garantir “a máxima calidade arquitectónica” nesta intervención.

Rivas subliñou que “Villa Elisa non só será unha biblioteca, senón un símbolo da Redondela do futuro, onde o respecto polo noso patrimonio conviva coas necesidades culturais e sociais do século XXI”. Dende o COAG agardan unha alta participación no concurso “con propostas de gran nivel arquitectónico para un espazo tan emblemático como Villa Elisa”.

O concurso realizarase en dúas etapas: unha primeira fase de ideas e unha segunda de anteproxectos. O Concello establece unha contía total de 20.000 euros en premios, distribuídos en catro recoñecementos de 5.000 euros cada un. O gañador, ademais, será o adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra.

O orzamento estimado para realizar a rehabilitación de Villa Elisa supera os 2,5 millóns de euros. A intervención dividirase en dúas partes: a rehabilitación da edificación existente e a construción dunha nova zona de ampliación que se integrará na parcela.

O xurado estará presidido pola alcaldesa e composto maioritariamente por expertos independentes, incluíndo arquitectos municipais, do COAG e de Patrimonio da Xunta de Galicia, garantindo así a imparcialidade e a excelencia técnica.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará