Foto de Xunqueira Ézara
O proxecto Un reto pola ciencia, impulsado pola Fundación Sener da empresa Sener, continúa a expandir o seu alcance e chega por primeira vez a Galicia. Faino da man dos institutos de Redondela, IES Pedro Floriani e IES Illa de San Simón, que se incorporan á iniciativa grazas ao interese persoal da enxeñeira aeroespacial Xunqueira Ézara.
Vinculada a proxectos da Axencia Espacial Europea a través da empresa Sener, Ézara coñecía a iniciativa desde dentro da compañía vasca, pero decidiu dar un paso máis e impulsar a súa chegada a Galicia. “Este proxecto desenvolvíase sobre todo en cidades como Bilbao, Madrid ou Barcelona. Preguntei se se podía estender a Galicia e dixéronme que non había problema. Eu estudei en ambos institutos e creo que este tipo de iniciativas axudan moito a espertar o interese; a min gustaríame ter contado na miña etapa como estudante con propostas didácticas deste tipo”, explica.
A enxeñeira participa activamente nesta iniciativa divulgativa. Para ela, este tipo de programas teñen un valor especial: “Moitas veces non hai toda a visibilidade que debería sobre o que fai un enxeñeiro no seu día a día. Eu botei en falta referencias reais cando estaba decidindo que estudar”, explica. Por iso, considera fundamental achegar a realidade profesional ás aulas: “Gústame moito ir aos colexios e ensinar o que poden chegar a facer se se interesan por este camiño”.
Un dos piares do programa é precisamente esa conexión directa co alumnado. Os retos propostos —como mellorar un traxe espacial ou idear sistemas de comunicación alternativos cando fallan as radios entre a Terra e o espazo— están inspirados en problemas reais. “Representan perfectamente como é o traballo nunha empresa de enxeñería”, sinala Ézara. O alumnado, organizado en equipos, debe investigar, propoñer solucións a distintos retos e defendelas, replicando o ámbito profesional.
A iniciativa tamén busca reducir a fenda de xénero nas carreiras técnicas. “É moi importante dar visibilidade ás rapazas, porque segue existindo un desequilibrio importante na enxeñería”, subliña.
Entre os proxectos desenvolvidos polos estudantes de Redondela destacan solucións como o uso de tecnoloxía láser para comunicacións espaciais ou sistemas de reciclaxe de CO₂ en invernadoiros. “Son ideas moi traballadas e, nalgúns casos, perfectamente aplicables na realidade. Quedei impresionada co nivel ”, asegura Ézara. Concretamente, clasificáronse para a final cinco alumnos do IES Pedro Floriani e seis do IES Illa de San Simó, xunto coas profesoras de Tecnoloxía Rosa Otero e Susana Taboada.
O programa non só reforza coñecementos científicos, senón tamén competencias transversais como o traballo en equipo, a comunicación ou a capacidade de innovación. Con todo, a enxeñeira tamén apunta a desafíos pendentes, especialmente no ámbito do financiamento da ciencia: “Moitas decisións dependen do contexto político e iso pode facer que boas ideas queden polo camiño”. Neste sentido, reivindica o papel da educación pública e das bolsas: “Eu mesma fun estudante becada. Sen ese apoio, non podería ter chegado ata aquí”.
Agora, os 11 alumnos finalistas están a prepararse para final o 19 de maio que se celebrará en Barcelona co resto de seleccionados das distintas comunidades.









