Hoxe é Xoves 23 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As librarías locais celebran o Día do Libro con recomendacións e descontos

20260422_203834

Pedro, Uxía, Tania e Dositeo representantes das librerías locais de Redondela

Coincidindo coa celebración do Día do Libro, 23 de abril, as librarías de Redondela comparten as súas recomendacións lectoras e reflexións sobre o estado actual do sector. Dende propostas para os máis pequenos ata novelas premiadas e éxitos locais.

Literatura infantil

Dende a libraría MandaMamá, especializada en público infantil, destacan a importancia de adaptar os libros ás diferentes etapas do desenvolvemento lector. Para os máis pequenos, recomendan libros de cartón duro, máis resistentes e manexables, con títulos como Osito Tito ou historias sinxelas e visuais que fomentan o primeiro contacto coa lectura.

MandaMamá

A medida que medran, as propostas céntranse en contidos que traballan valores como a empatía, o respecto ou a autoestima. Libros como O fío invisible, de Miriam Tirado, ou O teu corpo é teu, de Lucía Serrano, abordan cuestións emocionais e educativas fundamentais. Tamén destacan coleccións como O monstro das cores ou títulos que combinan lectura e xogo, como libros con enigmas ou misterios.

MandaMamá

Para lectores que comezan a ler de maneira autónoma, funcionan moi ben formatos tipo cómic ou libros con letra grande, como Drila Cocodrila ou Os detectives zopencos. Xa en idades intermedias, entre os 7 e os 12 anos, triunfan sagas como Isadora Moon ou Unicornia, que equilibran fantasía e realismo.

Mocidade lectora en auxe

Un dos aspectos máis salientables que coinciden en destacar as librarías é o rexurdimento do hábito lector entre a mocidade. Dende Rosalía e Compañía Tania sinala que “a xuventude está volvendo a ler”, en parte grazas ás redes sociais e á influencia de recomendadores de libros en internet.

Rosalía e Compañía

Coleccións como Heartstopper, que tamén conta con adaptación audiovisual, son un claro exemplo deste fenómeno. Trátase de historias próximas, actuais e diversas que conectan co público adolescente e que abordan temas como as relacións, a identidade ou a saúde emocional desde unha perspectiva positiva e LGTBIQ+.

Rosalía e Compañía

Ademais, subliñan que hoxe existe unha oferta moito máis ampla para este público, algo que non acontecía hai apenas uns anos. Rescatan tamén unha publicación dos anos 2000 como é Persepolis, de Marjane Satrapi, que, como explica Tania, “segue a ser unha lectura útil para entender a situación actual”, pola súa capacidade para contextualizar conflitos e achegar unha mirada crítica e persoal sobre a realidade.

Novela para adultos

Dende a libraría Moliere apostan por tres títulos destacados para celebrar esta xornada. O primeiro é Golondrinas, de Bernardo Atxaga, unha novela que mestura realidade e ficción con toques de humor e intriga, abordando temas como a amizade ou a vinganza.

Moliere

Outra das recomendacións é La ciudad de las luces muertas, de David Uclés, Premio Nadal 2025, unha obra ambientada nunha Barcelona afectada por un apagón que provoca a aparición de figuras históricas como Picasso, García Márquez ou Gaudí.

Moliere

Finalmente, destacan a novela galega Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino, que narra unha relación amorosa entre dúas mulleres nunha aldea galega durante o franquismo, combinando historia, memoria e emoción.

Moliere

Dende Rosalía e compañía tamén salientan a figura de Begoña Caamaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, poñendo en valor a súa traxectoria literaria e o seu papel na visibilización de voces femininas na literatura galega contemporánea.

Rosalía e Compañía

Para a xente que lle gusta investigar, tamén destaca o ensaio Señoras en bicicleta de Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez, unha obra que afonda no papel das mulleres na historia recente.

Rosalía e Compañía

O éxito do local: libros con identidade propia

Un dos fenómenos máis interesantes é o éxito de publicacións locais. Na libraría La Imprenta destacan o Calendario histórico de Redondela, de Juan Migueles, ou libros de fotografía e recompilacións de memoria colectiva de Cal3, que están a ter unha gran acollida entre veciños e veciñas.

La Imprenta

Librarías: máis ca puntos de venda

Os profesionais do sector reivindican o papel das librarías como espazos culturais e sociais. Fronte ás grandes plataformas, destacan o valor do asesoramento personalizado, a posibilidade de explorar os libros fisicamente e a experiencia de compra como algo emocional e compartido.  Como marca a tradición, as librarías aplican este 23 de abril un desconto do 10% en todos os libros, unha das poucas datas nas que a lei permite modificar o prezo fixo.

La Imprenta

Ademais, algunhas organizan actividades paralelas, como contacontos ou obradoiros. É o caso dun taller creativo arredor dos maios, que combinará literatura e tradición popular para o público infantil na librería Rosalía e Compañía penada para o sábado ás 12:00 horas con Ramón D. Veiga ofrecendo unha charla e obradoiro en torno ao seu libro Maios e Desmaios. Ademais agasalla flores en colaboración coa Florería AYM para tecer vínculos no comercio local e agradecer aos clientes o apoio de forma agarimosa.

Rosalía e Compañía

Un sector en transformación positiva

A lectura segue a ser, en definitiva, un hábito esencial, capaz de adaptarse aos tempos e de conquistar novas xeracións sen perder a súa forza transformadora. Hoxe, Día do Libro, as librarías de Redondela convidan a toda a veciñanza a achegarse aos seus establecementos para descubrir novas historias, compartir cultura e tamén dar pé a conversas que enriquecen e tecen redes na nosa comunidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará