A selección sub-20 acadaba hai 25 anos un fito histórico: proclamábase campioa do mundo sendo así a primeira selección española en facerse cun mundial de fútbol. Nese equipo atopábase o xogador redondelán Pablo Couñago, quen recibía ademais a Bota de Ouro do torneo. Co gallo deste aniversario o Multiúsos inaugura este venres 13 ás 19:00 horas unha exposición na que se fai un repaso pola carreira deportiva do redondelán.
Era o ano 1999 cando a selección sub-20 proclamábase campioa do mundo en categoría xuvenil baixo a dirección de Iñaki Saez. A vitoria por 4-0 ante o Xapón nun mundial disputado en Nixeria daba o título a un equipo conformado por futbolistas que anos despois serían grandes figura do fútbol mundial: Casillas, Xavi, Ronaldinho, Forlán…. Houbo moitos nomes propios nese éxito e de entre todos eles atopamos tamén o dun redondelán que se converteu no máximo goleador do torneo: Pablo Couñago.
O Concello de Redondela rende homenaxe ao xogador cunha exposición que se inaugurará o vindeiro venres, 13 de decembro, ás 19.00 horas e que permanecerá no Multiúsos da Xunqueira ata o 1 de febreiro. A mostra fai un repaso polos máis de 20 anos de carreira deportiva de Couñago, nos que militou en equipos como Celta, Numancia, Ipswich Town ou Málaga, entre outros. Colgou as botas no CD Choco de Redondela, con 39 anos de idade.










