Hoxe é Martes 30 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Goberno local acondiciona o aparcadoiro do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes

aparcamento cole cesantes

A explanada atopábase en moi mal estado e os traballos permitirán recuperar a superficie para transformala nun espazo transitable, seguro e cómodo. Uns traballos especialmente demandados pola comunidade escolar que consideraban que a explanada situada a carón da N-550 era “un espazo fundamental para o desenvolvemento da actividade do colexio” e que ao mesmo tempo, daba servizo como aparcadoiro. O importe global das obras supuxo un investimento de 24.078,73 euros.

O informe técnico previo puña en evidencia “o mal estado da superficie” e consideraba urxente actuar sobre a mesma “para evitar que o deterioro das capas inferiores do firme avance”. Doutra banda, dito informe salientaba que o espazo contiguo, xa no interior do recinto escolar “atópase, igualmente, en mal estado; conservando o pavimento orixinal en formigón e unha deficiente rede de drenaxe que non desauga de forma correcta, producíndose bolsas de auga cando chove”.

O groso da actuación concentrouse na rehabilitación do pavimento asfáltico da explanada do aparcadoiro e do pavimento de formigón na zona do recinto escolar que quedou sen rehabilitar. A actuación completouse coa execución dunha nova rede desde o interior do recinto e que desauga na rede de drenaxe existente que discorre pola marxe da estrada nacional.

No que fai referencia ao interior do recinto, elevouse a rasante do pavimento ata o nivel das beirarrúas con formigón nunha superficie de preto dos 330 metros cadrados e alongouse o canal con reixa existente en 13 metros lineais máis, completándose a rede de drenaxe cunha tubaxe de PVC de 200 mm de diámetro e as correspondentes arquetas sumidoiro para a recollida de pluviais.

Completouse a actuación co pintado das prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida e o rebaixe da beirarrúa para o acceso as mesmas. Así mesmo, e co obxecto de cumprir coa lei en materia de accesibilidade, substituíuse a cancela peonil existente por unha que ofrece 90 cm de paso libre nunha das follas abatibles.

Digna Rivas chamou a atención sobre o calado das obras realizadas “que van máis aló sun simple ‘lavado de cara’ e que buscan satisfacer as demandas da comunidade escolar e a veciñanza e, ao mesmo tempo, garantir a seguridade e comodidade na utilización das zonas acondicionadas”.

A alcaldesa de Redondela lembrou que, hai uns meses, deuse satisfacción a outra longa demanda da veciñanza e a comunidade escolar como foi a dotación dun semáforo, na contorna do CEIP Outeiro das Penas “que facilita o cruce da estrada N-550, mellorando as condicións de seguridade nunha zona que rexistra un alto nivel de tráfico rodado e que é utilizada, diariamente, por numerosas persoas a pe”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará