Hoxe é Martes 30 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Patriarcado, Covid e OnlyFans. Anabel Rey.

ANABEL

“Traballei para que neste país os homes atopen ás mulleres en todas partes e non só onde eles vaian a buscalas” Clara Campoamor. Crecín como moitas nenas pensando que tiña os mesmos dereitos que un neno, ata que abría o xornal e atopábame a realidade de páxinas repletas de mulleres en oferta. Despois isto cambiou nos xornais, pero non mudou na realidade. Todas aquelas mulleres ofrecidas a homes pasaron a internet. Aí empezou a engadirse á desigualdade, o descontrol sobre a propiedade da propia imaxe da muller.

Precisamente en internet xurde OnlyFans, que pasa de ser unha especie de rede social de mecenazgo de artistas a unha das maiores páxinas de contido para adultos. Contido pornográfico sen apenas control, e no que o usuario tipo, o home, pasa de pasivo a activo, podendo solicitar contido mediante diñeiro nas coñecidas WebCam e onde, segundo mulleres que posúen OnlyFans, é habitual o ofrecemento de cartos por sexo. Coa chegada da pandemia, dita páxina obtén as maiores ganancias tendo como obxecto á muller nova menor de 30 anos, cunha situación de precariedade laboral, ERTEs e paro.

Se analizamos a situación laboral media das mulleres do noso país é fácil deducir cal será o perfil medio de persoa que se oferta nesta páxina. Cabe lembrar que as mulleres sofren non só desigualdade á hora da remuneración laboral, senón tamén no tipo de contrato (medias xornadas e contratos temporais) e tendo ademais a taxa de paro máis alta, o que fai máis feble a súa independencia económica.

Á realidade das mulleres súmase o que denomina Ana de Miguel como pornificación da sociedade, imaxes de mulleres e nenas cosificadas e hipersexualizadas presentes no produtos culturais. Lanzando unha mensaxe sobre que toda a nosa valía e o éxito social e económico radica na imaxe do noso corpo como “sexy”, “fodible” ou “atractivo”.

Todo anterior queda mesturado coa sobreexposición e necesidade de aprobación social cada vez maior nas redes sociais como Instagram ou Twitter. Nesta última, segundo The BBC, un terzo dos perfís de Twitter que anunciaban ‘nudes4sale’ pertencían a menores de idade que usaban OnlyFans para compartir o seu contido. Fai que calquera se pregunte: É igual subir contido erótico a Instagram que a OnlyFans? Non, é un falso individualismo posesivo de que o corpo é de nós mesmas, pero acaba sendo do que o consume. É dicir, pasa a ser de calquera menos de nós mesmas.

É empoderante e libre? Non, non somos libres sendo cosificadas e reducidas a obxecto vendible. Cóbrese de empoderamento o que non é máis que unha capa de transgresión para homes privilexiados que tapa un trasfondo de explotación de mulleres marcada pola clase social e as necesidades materiais. Ninguén pode ser libre perpetuando a súa opresión dentro de un sistema machista que non é mais que a reprodución de roles do sistema tradicional prostitucional. O desexo da muller queda anulado polo desexo masculino que aparece como dereito superior mediante o intercambio de diñeiro que non é máis que unha xustificación encuberta da violencia sexual, a violencia sobre os corpos das mulleres.

Cara a un futuro máis igualitario: Non existen dobres verdades, unha muller non pode ser considerada como mercancía cando é unha persoa de pleno dereito. Temos que educar ao noso futuro a que medre sabendo que a liberdade pasa polas relacións afectivos-sexual libres de supeditación dos homes, onde o desexo e pracer sexa compartido e recíproco. A liberdade non radica na aprobación allea, senón no noso crecemento como persoas e é o deber das institucións garantir que ningunha muller sexa sometida sexan cales sexan os seus recursos. #AboliciónProstitución #AboliciónPornografía

Anabel Rey (Catapeixe, Cesantes) é politóloga e socióloga.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará