As empresas interesadas en acometer esta obra teñen de prazo ata o 30 de novembro para presentar as súas ofertas. A obra, promovida dende o goberno local e financiada con fondos municipais, prevé a creación dun novo espazo peonil e seguro na contorna do centro educativo de Vilar e contempla a creación dunha plataforma elevada onde a velocidade se limitará a 10 km/h, garantindo unha senda peonil de 2,5 metros de ancho.
O proxecto, cunha superficie total de 2.835 metros cadrados, deseñouse baixo os criterios de mobilidade sostible e contempla unha plataforma única na Estrada de Porto Cabeiro para xerar unha zona ampla de convivencia arredor do colexio, o parque infantil Luis Seoane e a parcela dotacional municipal, que contará con novo arborado e mobiliario urbano. Así mesmo, no Camiño do Campiño aplicarase unha solución de calmado do tráfico cunha plataforma elevada onde a velocidade se limitará a 10 km/h, garantindo unha senda peonil de 2,5 metros de ancho.
O proxecto sae a concurso cun orzamento base de 401.700 euros financiado integramente con fondos propios do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio deste procedemento que permitirá eliminar o risco diario do tráfico pesado e a eescaseza de espazo peonil nos accesos ao colexio, co que se cumpre “o compromiso adquirido coa comunidade educativa e a veciñanza da parroquia, entramos na recta final para transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nunha contorna saudable, accesible e, sobre todo, segura para a infancia.
Con esta licitación, o Concello completa a estratexia de renovación integral deseñada para os barrios de Porto Cabeiro e A Millarada. A actuación executarase de maneira complementaria e coordinada cos traballos de humanización que xa se están a desenvolver no tramo da estrada que vai desde a N-555 ata o propio Camiño do Campiño. “Queremos que Porto Cabeiro e A Millarada teñan por fin un espazo de referencia, unha zona agradable onde a veciñanza poida pasear e os nenos e nenas conten cun espazo seguro no acceso ao CEIP”, concluíu Digna Rivas.
O prazo para a presentación de propostas por parte das empresas construtoras permanecerá aberto na Plataforma de Contratación Pública ata o 30 de novembro de 2026. Despois a mesa de contratación avaliará as ofertas para realizar a adxudicación definitiva da obra no menor tempo posible.











