O programa está dirixido a crianzas de 3 a 16 anos empadroadas no concello de Soutomaior e funcionará dende o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro con catro horarios diferentes. O programa combina conciliación familiar, lecer e apredizaxe durante as vacacións escolares e converterá aos participantes en axudantes de Papá Noel na Academia de Elfos e Elfas. O prazo de inscrición está aberto do 16 ao 20 de novembro.
A Concellería de Igualdade pon en marcha o programa Espazo Concilia de Nadal destinado á conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos non lectivos da escola para as familias de Soutomaior.
Un programa que vai dirixido ás crianzas empadroados/as no Concello de entre 3 e 16 anos de idade. O horario deste Espazo Concilia de Nadal, para todas as idades, é de 9 da mañá ás 14 h, pero existe a posibilidade de entrar ás 8 h (aula matinal) e de saír ás 15 h .
As solicitudes deberán presentarse antes do 20 de novembro por rexistro a través da sede electrónica municipal do Concello de Soutomaior e aquelas familias que precisen axuda poderán realizar o trámite nas oficinas do Concello ou no Multiúsos de Arcade en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas.
O programa inclúe obradoiros de cociña e receitas de Nadal, deseño e elaboración de accesorios e complementos máxicos, creación de adornos e decoracións de Nadal, concerto de panxoliñas coa Banda de Música de Arcade, experimentos e elaboración de pócemas máxicas, xogos populares e xogos de descifrado para as crianzas de Primaria.










