A Plataforma pola Vivenda de Redondela convocou unha mobilización na praza do Concello para reclamar medidas que faciliten o acceso a unha vivenda digna e asequible. A entidade destacou tamén o apoio do comercio local, ao que atribúe un seguimento da folga próximo ao 90 %.
“Vivendas para vivir e non para especular” ou “Redondela reclama zona tensionada” foron algúns dos lemas que se escoitaron este mediodía na praza do Concello de Redondela. A Plataforma pola Vivenda convocou esta mobilización coincidindo coa folga xeral que se está a desenvolver en todo o Estado para reclamar medidas efectivas fronte ás dificultades de acceso á vivenda.
A convocatoria tivo un importante seguimento na vila, a xulgar pola imaxe que ofrecían as rúas do centro urbano: pouco movemento, persianas baixadas e numerosos establecementos comerciais pechados. Pola súa banda, os locais de hostalaría que abriron rexistraron unha afluencia de clientela inferior á habitual durante as primeiras horas da mañá.
Precisamente, un dos agradecementos máis destacados dirixiuse ao comercio local. Segundo os datos facilitados pola organización, arredor do 90 % dos establecementos sumáronse á folga. Unha resposta que foi recibida con aplausos polas persoas asistentes, que puxeron en valor o compromiso dos autónomos e autónomas e o esforzo realizado para secundar a convocatoria.
Desde a Plataforma agradeceron tamén a participación da veciñanza na concentración, malia as condicións meteorolóxicas adversas, para reclamar que tanto o Concello como a Xunta impulsen medidas que permitan facer fronte a un problema social que afecta cada vez a máis familias: a dificultade para acceder a unha vivenda a un prezo asumible.
Durante a concentración tamén se deron a coñecer os motivos que levaron á mobilización. A Plataforma denunciou o incremento do custo da vida fronte á evolución dos salarios e das pensións, así como a falta de investimentos en servizos públicos esenciais como a educación e a sanidade.
“Paramos porque traballamos máis para vivir peor e porque uns poucos se están a lucrar coa miseria doutras persoas”, recollía o manifesto lido durante a protesta.
A organización lembrou as dificultades que afrontan a clase traballadora e a mocidade para chegar a final de mes, unha situación que se agrava especialmente no caso das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
O manifesto reivindicou tamén a mobilización social como ferramenta para conseguir cambios e reclamou un control dos prezos acorde coa capacidade económica das familias, a creación dun parque público de vivenda mediante a recuperación de propiedades en mans de bancos e fondos de investimento, unha mellora dos salarios e o fortalecemento dos servizos públicos. Ademais, demandou medidas para controlar os prezos da cesta da compra, dos carburantes e dos produtos básicos.
No ámbito local, a Plataforma pola Vivenda reclama que o Concello de Redondela e a Xunta de Galicia declaren o municipio como zona de mercado residencial tensionado, unha medida que permitiría aplicar mecanismos de control dos prezos do alugueiro.
Entre as súas demandas figura tamén a creación dun parque público de vivenda aproveitando parte das arredor de 3.000 vivendas baleiras que, segundo a organización, existen no municipio. A estas propostas súmanse unha moratoria para as vivendas de uso turístico e a garantía de que ningunha persoa en situación de vulnerabilidade quede sen unha alternativa habitacional.
A Plataforma rematou facendo un chamamento á cidadanía para secundar tamén a folga de consumo e evitar mercar durante a xornada nos establecementos que non se sumaron á convocatoria. A organización considera que non sería coherente apoiar o peche dos comercios adheridos á folga e, ao mesmo tempo, trasladar o consumo a aqueles que decidiron non participar nela.














