A Coral Casto Sampedro ofrece este venres 30 ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira o seu I Concerto de Outono baixo a dirección de María Oliveira da Silva. A formación redondelá estará acompañada no escenario co coro compostelán Sons de Solovio, un pequeno grupo vocal, dirixido por Adela Maroño. As invitacións para asistir están dispoñibles no bar “Guay” e mais no “Café da Vila” e tamén poderán retirarse no mesmo auditorio a partir das oito da tarde o mesmo día do concerto.
A Coral Polifónica Casto Sampedro, impulsada pola Asociación Cultural Latexos de Redondela, celebra o seu primeiro ano de traxectoria cun novo recital que busca consolidar unha programación periódica de concertos e achegar a música coral ao público local. A actuación contará tamén coa participación de Sons de Solovio, nunha proposta que combina variedade de estilos e a oportunidade de coñecer a evolución artística da formación.
A coral naceu en xuño de 2025 e iniciou os seus ensaios en setembro dese mesmo ano. A súa primeira actuación pública tivo lugar uns meses máis tarde, cun concerto de Nadal na igrexa parroquial de Santiago de Redondela, no que contou co padriñazgo da coral Ondas do Mar, de Cesantes. Na pasada primavera ofreceu un concerto de presentación oficial, tal e como nos comentaba dende a Asociación Luís Cuntín, quen explicaba que está no espírito da Coral institucionalizar dúas citas musicais estables ao longo do ano: un concerto de primavera e outro de outono.
Neste contexto nace este I Concerto de Outono que permitirá a formación mostrar o seu progreso musical e a evolución do seu repertorio, ao tempo que ofrecen á veciñanza novas ocasións para gozar do canto coral e facelo en compañía doutras formacións, neste caso o coro compostelán Sons de Solovio.
Un concerto no que non faltarán os temas tradicionais das habaneras, a música sacra ou as cancións populares que facilitarán tamén a participación do público.
O recital pretende ser, ademais, unha oportunidade para reforzar este proxecto cultural colectivo e aberto, que aspira a incorporar novas voces. A Coral Polifónica Casto Sampedro anima así a todas as persoas interesadas en cantar a sumarse á iniciativa e a participar nunha experiencia musical compartida que continúa a medrar en Redondela.
Para máis información poden dirixirse aos teléfonos 686 362 111, 606 771 824 ou 653 180 215.










