A farmacia Andrea Domínguez foi seleccionada como candidata aos Premios Cosmética y Farmacia 2026, cuxa entrega terá lugar este xoves, 29 de outubro. A candidatura recoñece a innovación de Nu e Cru, a súa marca de dermocosmética 100% redondelá, e máis concretamente a súa liña de produtos de coidado infantil destinada a combater o olor corporal.
O proxecto inclúe un xel de ducha desodorizante e un desodorizante en crema, produtos formulados para abordar o cheiro corporal tanto en nenos como en adultos, aínda que é a liña infantil a que opta a estes galardóns. A proposta está especialmente dirixida a nenos e preadolescentes de entre 6 e 13 anos, unha etapa na que esta preocupación pode afectar ao benestar e ás relacións cotiás.
A innovación reside no uso da tecnoloxía patentada CareMag, un complexo baseado en sales do Mar Morto que actúa sobre a actividade bacteriana relacionada co mal cheiro e busca preservar a barreira cutánea baixando a carga bacteriana, mantendo a pel moi seca absorbendo a humidade ao tempo que traballa tamén a hidratación.
A iniciativa naceu da experiencia diaria de Andrea Domínguez no mostrador da farmacia de Redondela. As consultas de nais e pais preocupados polo cheiro corporal dos seus fillos levaron a farmacéutica a elaborar un produto natural que actuase directamente sobre as bacterias implicadas no mal cheiro ademais de asesoramento sobre cuestións relacionadas coa alimentación, a calidade do sono, a hidratación ou os posibles efectos do estrés que tamén repercuten no suor.
O obxectivo é abordar unha situación que, aínda que xeralmente non reviste gravidade, pode condicionar a calidade de vida de quen a experimenta, especialmente durante a infancia e a preadolescencia.
A liña de Nu e Cru foi ampliando a súa presenza comercial e actualmente véndese nunhas 70 farmacias de España, entre elas varios establecementos de Vigo. Esta expansión permite achegar a proposta a máis familias que buscan solucións para o coidado corporal infantil.
Para o equipo da farmacia, a nominación é motivo de satisfacción e un recoñecemento ao traballo iniciado a partir das preocupacións das familias, co propósito de ofrecerlles unha resposta específica desde o coidado da pel.









