O Balonmán Chapela afronta unha nova tempada con ilusión e obxectivos tanto no plano deportivo como no traballo de formación das categorías inferiores. O inicio da competición deixa boas sensacións no equipo sénior masculino, que marcha terceiro na Primeira Autonómica, mentres que o conxunto feminino busca consolidarse e pelexar polo ascenso. A presidenta do club, María González, fai un balance positivo destas primeiras semanas, pero insiste nunha necesidade que se repite ano tras ano: contar con máis espazos para adestrar e seguir medrando.
O equipo masculino asinou unha nova vitoria esta fin de semana ao impoñerse por 32-41 ao Distevi Seis do Nadal-Coia. Un triunfo a domicilio que confirma o bo momento dos de Chapela, con tres partidos gañados e unha única derrota – no derbi coa SAR – nas catro primeiras xornadas. A presidenta destaca especialmente o valor deste resultado ante un rival que, ao seu xuízo, estará entre os equipos da parte alta da clasificación. “Demostraron que están para estar arriba”, afirma González, satisfeita coa resposta do grupo neste comezo de liga.
O obxectivo deportivo para o sénior masculino pasa por repetir a presenza na Final Four da competición. A directiva non renuncia, con todo, a soñar cunha clasificación directa para a fase de ascenso, aínda que recoñece que sería un reto máis complicado. O equipo mantén boa parte do bloque da pasada campaña e incorporou algúns xogadores para cubrir as baixas, mentres que o corpo técnico continúa encabezado por Domingo da Cunh, coa colaboración de Miguel Espiño.
O calendario ofrece agora unha nova oportunidade para prolongar a boa dinámica. O Chapela recibirá o Atlético Novás B no pavillón municipal Manuel González Soto.
O feminino busca o ascenso á Primeira Autonómica
O comezo da tempada foi máis esixente para o sénior feminino, que caeu por 26-21 na pista do Lucense no seu primeiro partido de liga. A derrota non impide que o club manteña o seu principal obxectivo: conseguir o ascenso á Primeira Autonómica, unha categoría que considera o lugar natural do equipo.
González valora o resultado tendo en conta o nivel do rival, que reforzou o seu cadro de xogadoras para esta campaña. O próximo compromiso será na casa fronte ao BM Arousa. Será unha ocasión para buscar os primeiros puntos da tempada ante a afección.
A base, entre a formación e as dificultades para adestrar
Máis alá dos resultados dos séniores, o Balonmán Chapela mantén como unha das súas prioridades o traballo coas categorías inferiores. Esta campaña, todos os equipos da base compiten na Liga Prata, sen representación na Liga Ouro.
A pesar diso, a presidenta pon o foco na formación e na continuidade dos rapaces no club. O importante, explica, é que os xogadores que decidiron quedar sigan adestrando, aprendan e gocen do deporte, mesmo cando os resultados non acompañan. “A idea deste ano é que os rapaces xoguen, disfruten”, sinala González.
A falta de horas de pista é unha das principais preocupacións da directiva. O pavillón municipal debe repartir os seus horarios entre diferentes clubs e disciplinas deportivas, unha situación que limita as posibilidades de adestramento e dificulta a preparación dos equipos, especialmente nas categorías de maior idade.
“A pista non dá para máis”, advirte González, que considera que contar con máis instalacións permitiría mellorar o traballo diario e ofrecer aos xogadores unhas condicións máis adecuadas para crecer.









