O pleno de Redondela aprobou por unanimidade o proxecto para recuperar a Senda do Pexegueiro, unha iniciativa do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy que leva varios anos traballando na posta en valor deste roteiro. A proposta busca recuperar o percorrido do río Pexegueiro, desde o seu nacemento no Viso, pasando por Cesantes ata rematar nas inmediacións da piscina municipal, nun trazado que conserva tamén importantes elementos do patrimonio etnográfico local, como o muíño do Rato.
O proxecto, que comezou a traballarse no ano 2020, dá agora un paso importante unha vez que conta co apoio unánime da corporación municipal o que permitirá iniciar os trámites administrativos para definir e acondicionar o percorrido.
A intención é que os camiñantes poidan percorrer a senda con seguridade, para o cal é preciso, segundo explica o presidente do Obradoiro, José Antonio Martínez, acometer diferentes actuacións centradas especialmente nos puntos nos que o trazado está menos definido, así como na limpeza e sinalización do percorrido “un paseo no que se respecte o máximo a natureza e onde se fagan actuacións naqueles puntos críticos”.
A proposta contempla solicitar a construción dun paso inferior baixo a estrada nacional. Desde o Obradoiro consideran que esta infraestrutura permitiría conectar as dúas beirarrúas da N-550 sen obrigar os peóns a desprazarse ata os pasos situados en Santa Mariña ou no Alto de Cesantes. Unha actuación que, segundo a entidade, permitiría resolver un dos principais puntos conflitivos para a mobilidade peonil nesta zona.
O Obradoiro confía en que os trámites comecen canto antes “tendo en conta o consenso acadado” e aposta pola creación dunha comisión de seguimento na que estean representados os diferentes axentes implicados, co obxectivo de que o proxecto avance e non quede no esquecemento.









