Foto: Fon Conde
“Vergoña, rabia, tristeza… dehumanización” é o texto que se podía ler no cartel que na mañá de hoxe penduraba da porta do Concello de Redondela ilustrado coa imaxe dunha muller e un boitre. Unha referencia clara ao desafiuzamento este mércores de Maricarmen unha muller de 87 anos que na xornada de onte tivo que abandonar a vivenda na que levaba residindo sete décadas logo de que o Tribunal Supremo fallara a favor dun fondo boitre, propietario actual do inmoble.
Maricarmen converteuse, ao seu pesar, nun símbolo do problema da vivenda que afecta a unha parte importante da sociedade. Esta veciña de Madrid foi desafiuzada este mércores da súa casa tras comprar o inmoble Urbagestion Desarrollo e Inversión no ano 2018. Naquela altura esta muller pagaba 500 euros mensuais, pero os novos propietarios subiron esa renda a 2.650, cantidade que Maricarmen non podía asumir. Malia que a inquilina contaba cun contrato de renda antiga que se remontaba ao ano 1956, o Tribunal Supremo fallou a favor dos propietarios que alegaron que ese contrato fora subrrogada ata en dúas ocasións.
O desafiuzamento producíase onte malia os manifestantes que se concentraron ante a vivenda convocados polo Sindicato de Inquilinas co obxecto de tentar evitar que a anciá fora expulsada da vivenda
Finalmente Maricarmen era sacada do seu domicilio. Malia que dende o concello de Madrid se lle ofreceu unha praza nunha residencia, a muller rexeitou esa opción e optou por aloxarse con familiares.









