As illas de San Simón e Santo Antón acolleron este xoves unha xornada de homenaxe, memoria e reparación dedicada aos presos que pasaron polo antigo penal durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista, así como ás mulleres coñecidas como as “madriñas”, que desde o contorno de Redondela prestaron axuda aos reclusos.
O acto foi organizado polo Concello de Redondela e o Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, e contou coa presenza do secretario de Estado, Fernando Martínez, da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, representantes do movemento memorialista e familiares das vítimas.
A xornada está relacionada coa recente declaración das illas como Lugar de Memoria Democrática, aprobada polo Goberno de España en agosto e publicada no BOE. A resolución recoñece a importancia de San Simón e Santo Antón como espazo de represión e encarceramento durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura.
Un dos momentos centrais foi o descubrimento da placa que acredita oficialmente esta declaración, ademais da entrega ás familias de 28 Declaracións de Recoñecemento e Reparación Persoal.
Recoñecemento para 28 presos
As declaracións, previstas na Lei 20/2022 de Memoria Democrática, supoñen o recoñecemento e a reparación moral por parte da democracia española ás persoas que sufriron persecución, condenas, prisión ou outras formas de violencia por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza durante a Guerra Civil e a ditadura.
Os 28 homenaxeados forman parte das máis de 5.600 persoas que pasaron polo penal de San Simón entre outubro de 1936 e marzo de 1943. A documentación oficial contabiliza ademais máis de 517 falecementos no penal, aos que se engaden as vítimas de fusilamentos e “paseos”.
Durante o acto, Fernando Martínez reivindicou o legado dos presos e das mulleres que os auxiliaron como un referente para a defensa da liberdade, a democracia e os dereitos humanos. Pola súa banda, Digna Rivas destacou o traballo desenvolvido durante décadas por Redondela e polos colectivos memorialistas para recuperar a memoria das vítimas.
A alcaldesa lembrou que o Concello foi pioneiro xa en 1987, cando instalou a primeira placa municipal dedicada aos “loitadores antifascistas”. Rivas sinalou tamén que o Concello está a traballar na instalación de paneis informativos e que incorporou un Plan de Usos ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de garantir o respecto polo carácter memorial das illas.
Ao acto tamén asistiron autoridades e representantes das institucións galegas e locais, representantes do movemento memorialista, familiares dos represaliados e outras persoas vinculadas á recuperación da memoria democrática. Entre os asistentes estiveron tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
A memoria das “madriñas”
A homenaxe puxo tamén o foco nas “madriñas”, fundamentalmente mulleres de Cesantes e doutras localidades de Redondela que estableceron unha rede de solidariedade cos presos.
Levaban alimentos e roupa aos reclusos e facían de enlace coas súas familias, contribuíndo a aliviar as condicións de vida dos presos e mantendo a comunicación co exterior. A propia declaración de Lugar de Memoria Democrática recoñece expresamente este papel de resistencia e solidariedade.
A súa historia estivo presente durante toda a xornada, na que tamén participaron María Barros, descendente de vítimas e madriñas, e o escritor e xornalista Manuel Rivas. O programa incluíu ademais intervencións musicais, pezas audiovisuais dedicadas ás vítimas, a participación de Uxía, a lectura de Canto Matricial das Augas Libres, de Olga Novo, e unha ofrenda floral acompañada pola chelista Margarita Mariño.
As familias dos represaliados reivindicaron durante o acto a importancia de recuperar os seus nomes e historias. A xornada permitiu tamén poñer rostro ás persoas que sufriron o encarceramento no penal, nun espazo polo que pasaron miles de presos entre 1936 e 1943.
Os 28 presos homenaxeados
Os nomes e as historias das persoas que pasaron polo penal de San Simón foron os grandes protagonistas da xornada celebrada este xoves nas illas. Máis alá da colocación dunha placa ou da declaración do arquipélago como Lugar de Memoria Democrática, o acto quixo poñer nome e rostro ás vítimas e devolverlles ás súas familias un espazo público para lembrar as súas historias.
Entre as persoas ás que se lles dedicou este recoñecemento figuran catro nomes directamente vinculados con Redondela: Diego San José de la Torre, Segundo Freire Rivas, Manuel Blanco Camiña e Manuel Barros Montero. O Concello sinala que este acto constitúe un primeiro recoñecemento e que terá continuidade para homenaxear tamén outras persoas represaliadas no penal.
A relación completa dos presos homenaxeados é a seguinte:
- Diego San José de la Torre, natural de Madrid e posteriormente residente en Redondela.
- Segundo Freire Rivas, de Redondela.
- Manuel Blanco Camiña, de Redondela.
- Manuel Barros Montero, de Redondela.
- Alfredo Bautista Alconero, natural de Ponteareas e veciño do Porriño.
- Alfonso Moreda Vázquez, de Vigo.
- José Benito García Santiago, de Pontevedra.
- Jaime Agra Blanco, de Lalín.
- Luis Agra Blanco, de Lalín.
- Antonio Gómez López, de Vila de Cruces.
- Dámaso Giráldez Piña, da Cañiza.
- Joaquín Nores Rodríguez, de Cangas.
- Antonio Fernández Fernández, de Cangas.
- Ramón Costas Otero, de Cangas.
- Dámaso Carrasco Duaso, de Vilagarcía de Arousa.
- Antonio Blanco Solla, de Marín.
- Andrés Santos Rodríguez, de Marín.
- Eduardo Otero Molas, de Marín.
- José González Táboas, de Mondariz.
- Celestino Carbia Campaña, de Valga.
- Antonio Rodríguez González, de Vilacoba, Salvaterra de Miño.
- Manuel Graña Pouseu, de Bueu.
- Amancio Caamaño Cimadevila, natural de Negreira e veciño de Pontevedra.
- José Adrio Barreiro, de Pontevedra.
- Germán Adrio Mañá, natural de Vilagarcía de Arousa e veciño de Pontevedra.
- Celestino Poza Cobas, de Pontevedra.
- Luis Poza Pastrana, de Pontevedra.
- Celestino Poza Pastrana, de Pontevedra.
Un recoñecemento que “chega tarde”, pero que as familias consideran necesario
Román Santalla Agra, neto de Jaime Agra Blanco e sobriño de Luis Agra Blanco e Secundino Agra Blanco explicou que os tres irmáns pasaron por San Simón. Para este familiar, o importante é precisamente que esa memoria non desapareza. “Para que nunca, nunca se borre o recordo desta xente”, resumiu.
A neta do preso Manuel Barros Montero, María Barros, tamén estivo presente na homenaxe e puido leer un texto dedicado ao seu avó foi preso cando tiña 15 anos.
Miguel Rodríguez Díaz, bisneto de Manuel Blanco Camiña, explicou que na súa familia apenas existía información sobre o que acontecera co seu bisavó. Blanco Camiña era de Vilar de Infesta e, segundo explicou o seu bisneto, exercera como alcalde de barrio e defendera a República. A súa condena supuxo tamén importantes consecuencias económicas para a familia, coa perda de propiedades e bens.
A homenaxe pechouse co descubrimento da placa de Lugar de Memoria Democrática e unha ofrenda floral, nunha xornada que buscou recuperar a memoria dos presos e das mulleres que os apoiaron e deixar constancia pública do seu sufrimento e da súa contribución á resistencia e á solidariedade durante aqueles anos.


















