A falta de precipitacións continúa a reducir as reservas de auga e mantén en alerta os responsables das comunidades de augas. Os depósitos atópanse actualmente «na metade do que deberían estar», segundo explica o presidente da Comunidade de Cedeira, Pedro Barcia quen fala dunha situación “preocupante”, aínda que polo momento explica “non se prevén novas medidas de restrición máis aló da redución do consumo xa establecido en agosto”.
A finais do mes pasado adoptouse unha primeira medida para frear o consumo, coa redución de 800 a 600 litros diarios por comuneiro. A decisión tomouse ante o descenso continuado das reservas e co obxectivo de evitar que a situación empeorase.
Agora, a atención está posta nas previsións meteorolóxicas para a vindeira semana. Os responsables confían en que as chuvias previstas sexan suficientes e, sobre todo, teñan continuidade para favorecer a recuperación dos mananciais e dos depósitos. De non ser así, non se descarta ter que adoptar medidas máis drásticas, incluídos posibles cortes no subministro para permitir a recuperación das reservas.
«Setembro e outubro son sempre os meses máis críticos se non chove», explican. A finais de agosto rexistráronse algunhas precipitacións, pero «non foron dabondo para recuperar» os mananciais. Por iso, confían en que se cumpran os prognósticos e que a chuvia prevista para os próximos días permita normalizar a situación.
Ante este escenario, os responsables do servizo volven facer un chamamento á veciñanza para que extreme as medidas de aforro. Aínda que consideran que «en xeral a xente é responsable», advirten de que aínda hai persoas que realizan consumos moi superiores aos permitidos.
Neste sentido, lembran que determinados usos da auga non son compatibles coa situación actual, como encher piscinas ou lavar coches. «Hai que concienciarse de que non se pode malgastar un recurso limitado como é a auga, en ningún momento do ano, pero menos no verán», sinala.
O obxectivo é evitar que o descenso das reservas obrigue a incrementar as restricións e garantir o subministro á poboación mentres non se produce unha recuperación suficiente dos mananciais.










