Imaxe de arquivo
A Cruz Vermella pon en marcha en Redondela e Chapela unha nova programación de actividades dirixida a diferentes colectivos e franxas de idade. As propostas abranguen desde o apoio educativo para os máis pequenos ata iniciativas destinadas ás persoas maiores, con actividades pensadas para favorecer a autonomía e a participación social como a comprensión lectora ou ioga adaptado.
Entre os programas destinados á infancia destaca Promoción do Éxito Escolar, que se desenvolverá tanto en Redondela como en Chapela. A iniciativa busca acompañar os nenos e nenas no seu proceso educativo e ofrecerlles apoio para afrontar o curso académico.
No ámbito das persoas maiores, mantense na programación o ioga en cadeira, unha modalidade adaptada especialmente para persoas con pouca mobilidade. A proposta permite “realizar exercicio físico e traballar aspectos como a mobilidade e a flexibilidade, adaptando os exercicios ás capacidades de cada participante” tal e como nos explicaba dende a Cruz Vermella Redondela, Diana Freire.
Outra das áreas con maior participación é o traballo da memoria. En Redondela funcionan varios grupos nos que participan máis dun centenar de persoas, mentres que en Chapela son arredor de 25 os usuarios e usuarias que toman parte nesta actividade.
A programación inclúe tamén clases de punto de cruz, que se desenvolverán en horario de tarde, e actividades de comprensión lectora, unha proposta que foi incrementando a súa demanda nos últimos anos.
As sesións de lectura combinan a lectura en voz alta coa análise dos textos. Deste xeito, ademais de traballar a comprensión, abórdanse diferentes cuestións relacionadas coa vida cotiá, como o autocoidado, os valores ou as relacións sociais.
Desde Cruz Vermella destacan especialmente a evolución da actividade de comprensión lectora, que foi gañando participantes nos últimos anos. As sesións están pensadas como un espazo de aprendizaxe, pero tamén de encontro e participación, no que a lectura serve como punto de partida para conversar e reflexionar sobre diferentes temas.
As persoas interesadas poden achegarse á sede da Cruz Vermella, situada nos baixos da Casa da Cultura de Redondela, para coñecer as actividades e modalidades de voluntariado dispoñibles. A inscrición permanece aberta durante todo o ano, aínda que desde a entidade animan especialmente a informarse nestas primeiras semanas do curso para poder organizar os grupos e actividades dos próximos meses.
Coincidindo co inicio do curso, a entidade fai tamén un chamamento á cidadanía para incorporar novas persoas voluntarias, unha colaboración que consideran fundamental para poder manter e ampliar os diferentes programas que desenvolven en Redondela e Chapela e sempre facilitando que o voluntariado sexa compatible coas responsabilidades laborais e familiares de cada persoa, ofrecendo diferentes posibilidades de colaboración en función da dispoñibilidade.
Unhas colaboración que permiten tamén traballar noutras propostas que se anunciarán proximamente.









