Hoxe é Mércores 23 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela promove a separación de residuos para rebaixar o custe da recollida do lixo

lixo

A recollida do colector de “restos” pasou de custar 73 € en 2023 a 122 € por tonelada na actualidade, mentres que o vidro, plástico e cartón teñen un custo cero cunha reciclaxe axeitada. Con estes datos sobre a mesa o concelleiro de Sostenibilidade, Roberto Villar insta á cidadanía a separar os residuos e lembra que todas as persoas que o desexen poden solicitar un composteiro doméstico gratuíto. Lamenta que só un reducido número de fogares reciclen “mesmo onde hai illas de reciclaxe preto das vivendas, só un 15% das persoas fan un uso correcto deles”.

O Concello de Redondela fai un chamamento á colaboración de toda a veciñanza para mellorar os datos de separación de residuos no municipio. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Rober Villar, explicou que a xestión do lixo e a limpeza viaria constitúen un dos maiores esforzos económicos para as arcas municipais, un gasto que se disparou nos últimos anos polo encarecemento dos custos de tratamento do lixo.

Villar incidiu en que a nova lexislación sobre residuos obriga a que todos os refugallos sexan separados en orixe, fomentando a reciclaxe e o coidado do medio ambiente. A normativa actual “sanciona que o lixo se deposite sen separar no contedor”. Por este motivo, o edil sinalou que “canto mellor separemos, menor será o custo do servizo, facéndoo máis sostible e cunha repercusión evidente no recibo do lixo de toda a veciñanza”. O edil fixo fincapé en que, mesmo naquelas zonas onde hai illas de reciclaxe preto das vivendas, tan só o 15% das persoas fan un uso correcto delas.

O concelleiro de Infraestruturas recoñeceu que o Concello debe mellorar o servizo e instalar máis colectores de reciclaxe, especialmente nas zonas do rural, “pero primeiro a cidadanía ten que facer os deberes”. Villar advertiu que quedan nove meses antes de que se teña que empezar a renovar o contrato do servizo de recollida de lixo, un fito clave para o peto dos contribuíntes. “Se a cidadanía recicla correctamente nestes meses, o novo contrato vai ser máis económico, o que se traducirá nun recibo máis barato para os fogares”, explicou o edil.

Os custos do tratamento do lixo que se envía a SOGAMA sufriron un incremento considerable do 67%. O municipio pasou de pagar 73,00 € por tonelada en 2023 a asumir un custo de 122,00 € por tonelada neste ano. En contraposición, o tratamento do vidro, o plástico ou o cartón ten un custo de 0 € para o Concello se se deposita correctamente separado no seu colector correspondente. No caso da materia orgánica, o custo do contedor marrón é de 58 € por tonelada, a metade que a fracción resto.

O edil advirte que “canto mellor reciclemos e compostemos, máis aforraremos na xestión dos residuos”, polo que pediu o apoio firme tanto da veciñanza como dos establecementos comerciais e hostaleiros para non ter que repercutir novos incrementos no recibo do lixo.

Nova campaña de compostaxe doméstica

Como ferramenta para a reducir o lixo doméstico ponse en marcha unha unha nova campaña informativa sobre compostaxe coa entrega de máis de 100 composteiros de balde. Poden solicitar o composteiro calquera persoa que resida nunha vivenda en Redondela que conte cunha parcela ou horta de, como mínimo, 25 m². Poden solicitalo de xeito presencial no Concello, chamando ao teléfono 986 400 300, a través da web www.redondela.gal ou escaneando o código QR da cartelería oficial.

Esta iniciativa atópase cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará