Os populares acusan a alcaldesa de “poñer en risco aos veciños” por negarse a crear o servizo antiincendios, incumprindo “o fallo do TSXG que obriga a constituír un equipo municipal de prevención e extinción”. Javier Bas lamenta que o pleno con votos de PSOE, BNG e AER rexeitasen a creación do servizo malia ser unha competencia dos concellos de máis de 20.000 habitantes. O edil esixe que se inicie a tramitación de inmediato.
Os populares lembran que o Tribunal de Instancia número 1 do Contencioso-Administrativo de Vigo ditaminou que o Concello de Redondela tiña a obriga de crear un servizo anti-incendios. Recentemente a Sala 1ª do Contencioso do TSXG confirmou a sentenza “pero a rexedora continúa a desobedecer ambas resolucións nun abandono de funcións intolerable”.
Ante esta situación, o PP redondelán lamentou, en primeiro lugar, a resistencia e o abandono dos veciños por parte das tres forzas de esquerda, xa que recordou que PSOE, BNG e AER votaron en contra “incomprensiblemente” da creación desta brigada no pleno municipal, e criticou que se sigan negando á súa creación malia que é unha obriga legal e xudicial, pero sobre todo “porque esta actitude é totalmente irresponsable cos nosos veciños”.
Ademais, os populares, que revelaron que os fallos xudiciais “non admiten atallos” como o que pretende facer o Concello de Redondela acadando un convenio co parque de Teis que segue sen asinarse, e esixen que se inicie de inmediato a tramitación para a constitución deste servizo de prevención e extinción.
Finalmente, desde o PP local engadiron que este “pasotismo” no ámbito da seguridade tamén se estende á atención e cobertura das emerxencias, cun equipo moi reducido e quedando a expensas da colaboración das agrupacións de Mos ou O Porriño “que demostran que hai outra maneira de xestionar, axeitada e pensando na xente”. Aproveitan tamén para criticar que non se estea a reclamar a creación dunha Comisaría de Distrito da Policía Nacional nin o reforzo no número de axentes da Policía Local.









