Os primeiros días de curso deixaron un regueiro de incidencias no transporte escolar, con menores que non eran recollidos nas paradas, transbordos non contemplados, autobuses que se confundían de ruta ou importantes atrasos tanto nas recollidas como nas chegadas aos centros. Con todo, unha semana despois do inicio do curso, desde a Federación de ANPAS dan por resoltos os principais problemas. “Tan só falta por axustar algúns horarios para que todo funcione correctamente”, sinala o seu presidente, José Manuel Lago.
A entrada da nova concesionaria provocou incerteza e incidencias que, nalgúns casos, foron graves, pero que, segundo Lago, “se están resolvendo”. O único que queda por facer, apunta, son “pequenos axustes de horarios para que non haxa ningún atraso”.
Desde a Federación agradecen a colaboración da empresa nos últimos días e tamén “a paciencia das familias”, aínda que advirten de que se manterán expectantes ante calquera novo contratempo no servizo.
Desde as ANPAS volven reiterar a necesidade de convocar o Consello Municipal de Ensino, que leva catro anos sen reunirse, e reclaman unha maior implicación do Concello en cuestións como o mantemento dos centros educativos ou a concesión das axudas de comedor escolar.
Por outra banda, Lago cualifica de oportunista a nota de prensa emitida polo Concello na xornada de onte, na que lamentaba a falta de previsión que marcou o inicio do servizo. O presidente da Federación de ANPAS asegura que “levamos traballando un mes neste tema e non vimos a implicación necesaria por parte do goberno local”.
Insisten en reclamar unha maior comunicación para que todos os problemas se poidan resolver do xeito máis axil posible.









