Hoxe é Martes 15 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós reclama a reapertura da exposición de Sargadelos da Casa da Torre tras seis anos pechada

Expo Sargadelos 0002

A Asociación Cultural considera inaceptable que unha colección de interese artístico e cultural leve seis anos pechada por un desacordo entre Concello e Xunta e defende que ambas as administracións deixen atrás as discrepancias e busquen unha solución definitiva. Sobre as supostas carencias de seguridade argumentadas polo goberno galego para no permitir a reapertura da exposición de Sargadelos instalada na Casa da Torre e pechada ao público desde 2020 propoñen complementar o actual sistema de cámaras con vixilancia presencial durante o horario de apertura. A longo prazo suxiren o traslado da exposición ao futuro museo municipal ou ao edificio de Villa Elisa logo da súa reforma.

Alén Nós lembra que o Concello reclama á Xunta a renovación do convenio, mentres que a Administración autonómica condiciona o acordo a que o Concello asuma determinadas responsabilidades sobre a custodia, seguridade, apertura e peche da exposición, así como sobre a súa compatibilidade co funcionamento do albergue de peregrinos da Casa da Torre.

Para a asociación, estas condicións deben concretarse nun novo convenio, pero non poden continuar impedindo indefinidamente a reapertura e propoñen que, para solventar os posibles problemas de seguridade, se complemente o actual sistema de cámaras con vixilancia presencial durante o horario de apertura. “Esta persoa podería encargarse tamén de abrir e pechar as salas, supervisar a exposición, atender o público e comunicar posibles incidencias e o custo deste servizo poida ser compartido entre Concello e Xunta dentro do convenio” explican dende Alén Nós.

A entidade lembra, ademais, que entre 2017 e 2020 a exposición funcionou co sistema de videovixilancia existente sen que se rexistrasen incidentes, aínda que recoñece que as circunstancias actuais da Casa da Torre fan necesario reforzar as medidas de protección.

Alén Nós considera tamén que debe comezar a estudarse o futuro da colección, xa que as pezas son propiedade do Concello de Redondela. Se a convivencia entre a exposición e o albergue dificultase as condicións de seguridade, conservación ou visita, a asociación avoga por analizar outras localizacións.

Entre as posibilidades cita o futuro museo municipal ou outros equipamentos culturais previstos como o edificio de Villar Elisa, sempre que as características dos espazos permitan garantir a conservación, seguridade, accesibilidade e exposición pública das pezas.

A asociación insiste en que a prioridade inmediata é desbloquear a situación e recuperar o acceso público á colección, reclamando ás dúas administracións cooperación e vontade de acordo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará