Hoxe é Mércores 2 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Federación de ANPAS afronta o novo curso cunha longa lista de reivindicacións educativas

20260831_183916

Foto de José Manuel Lago

Co inicio do novo curso escolar ás portas, a Federación de ANPAS pon o foco nas condicións nas que alumnado e profesorado afrontarán o novo ano académico. A falta de docentes e especialistas de apoio, as dificultades do transporte escolar, o estado das infraestruturas dos centros e os atrasos nas axudas de comedor son algunhas das principais preocupacións trasladadas polo presidente da Federación, José Manuel Lago.

Lago advirte especialmente da posible falta de profesorado en Secundaria debido á redución do horario lectivo de 20 a 18 horas. Segundo explica, esta diminución do 10% non estivo acompañada dun incremento proporcional do cadro docente. “Se temos 31.000 profesores, sería reducir 3.100 profesores. Cos datos actuais, se non contamos a reposición, o aumento é de 250 profesores”, sinala.

Para a Federación, utilizar a baixada da ratio de alumnado por profesor como indicador de mellora do ensino resulta enganoso se non se ten en conta o número real de horas lectivas dispoñibles. Lago defende que o indicador que debería analizarse son as horas de docencia por alumno, xa que unha redución do horario lectivo pode diminuír a capacidade real de atención aínda que a ratio oficial mellore.

Máis especialistas de apoio e orientación

A falta de profesionais de apoio é outra das preocupacións da Federación. As ANPAS reclaman un incremento de PT e AL para atender o alumnado con necesidades educativas especiais e avanzar cara a unha educación realmente inclusiva.

Tamén poñen o foco no número de orientadores. Lago considera insuficiente contar cunha orientadora para varios centos de alumnos e reclama que se materialice o compromiso de aumentar estes profesionais. “Se queremos unha igualdade de oportunidades, que toda esta rapazada con algún tipo de necesidade sexa atendida adecuadamente para ter unha sociedade mellor, fan falta máis especialistas e máis orientación”, sinala.

O transporte escolar

O transporte escolar continúa sendo outro dos grandes asuntos pendentes. A Federación leva anos reclamando que o alumnado de Secundaria, tamén nos estudos non obrigatorios, dispoña de transporte para acudir aos centros educativos.

Nos últimos anos, segundo Lago, fóronse aplicando solucións puntuais, como cambios de rutas e paradas ou o uso de taxis. Porén, consideran que é necesario abordar o problema de maneira estrutural. “Non podemos estar sempre con parches. Hai un problema non só de transporte escolar, senón tamén de transporte público”, apunta.

Este curso engádese ademais a incerteza polo cambio de concesionaria do lote 57, que presta servizo en Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior. A Federación está revisando as prazas dispoñibles nas diferentes liñas para comprobar que se cubran as necesidades do alumnado. Polo momento, detectaron unha posible carencia na liña de Cesantes e, se fose necesario, reclaman ao Concello que habilite solucións alternativas.

As ANPAS queren ademais abrir o debate sobre o transporte do alumnado menor de idade que decide cursar estudos nun centro diferente ao que lle corresponde por adscrición. Poñen como exemplo o alumnado do Mendiño que queira cursar un ciclo formativo ou o Bacharelato de Artes no IES Pedro Floriani, ou estudantes do Floriani que queiran cursar o Bacharelato Xeral no Mendiño.

Segundo Lago, a falta de transporte pode acabar limitando tanto a liberdade de elección como a propia oferta educativa de Redondela. “Non é un problema de transporte escolar, é un problema de transporte público que estamos intentando resolver pola vía do transporte escolar”, sinala.

Neste sentido, a Federación propón estudar a unificación dos horarios do Mendiño e do Floriani, unha medida que permitiría reorganizar as liñas e facilitar que o alumnado de diferentes parroquias poida acceder aos estudos ofertados nos dous centros. Lago considera que sería unha medida relativamente sinxela que podería solucionar as necesidades de varias decenas de estudantes.

Reclaman un plan de mantemento para os centros

No apartado das infraestruturas, a Federación considera que tanto a Xunta como o Concello deben asumir maiores responsabilidades. Lago reclama á administración autonómica máis investimento e ao Concello un plan de mantemento estable e con protocolo, fronte a actuacións puntuais para solucionar os problemas cando xa aparecen.

A Federación alerta ademais da existencia de problemas de goteiras e cubertas pendentes de renovación e lembra que aínda quedan instalacións con cubertas de amianto. Entre os espazos citados están o Laredo e o pavillón do Floriani. No caso do IES de Soutomaior, Lago tamén reclama un maior control sobre os niveis de radón e medidas que garantan que se manteñan dentro dos límites establecidos.

A Marisma aparece como outro dos puntos nos que consideran necesario actuar. A presenza de varios centros educativos na mesma contorna debería, segundo as ANPAS, aproveitarse para crear unha gran zona escolar segura, con itinerarios peonís e accesos mellorados e mesmo coa creación dun servizo de comedor para Secundaria.

A Federación reclama tamén ao Concello que convoque o Consello Escolar Municipal (CEM). Consideran que a ausencia de convocatoria evidencia unha falta de atención suficiente ás cuestións educativas e reclaman un espazo estable de coordinación entre administracións, centros educativos e familias.

Axudas de comedor

Outro dos asuntos que preocupa ás familias son as axudas de comedor escolar de Servizos Sociais. Trátase de prestacións destinadas a familias con dificultades socioeconómicas que, segundo a Federación, necesitan coñecer antes do inicio do curso se poderán contar con este apoio.

As ANPAS denuncian que a resolución destas axudas chega habitualmente tarde. Lago lembra que o curso pasado a resolución produciuse xa avanzado o primeiro trimestre e que en anos anteriores chegou incluso coa metade do curso transcorrido.

“Unha reivindicación fundamental e innegociable sería que a resolución estivese antes do inicio do curso”, afirma. A Federación considera que a demora xera incerteza entre as familias e pode provocar que algunhas non leven os seus fillos ao comedor por non saber se recibirán finalmente a axuda.

Tamén cuestionan o papel que están asumindo as ANPAS na tramitación destas prestacións. Segundo Lago, as asociacións colaboran coa mellor vontade, pero consideran que a xestión e responsabilidade das axudas corresponde ao Concello.

Unha Federación que manterá o perfil reivindicativo

De cara ao novo curso, a Federación de ANPAS anuncia que manterá o seu labor reivindicativo para reclamar melloras no ensino público e na oferta educativa de Redondela.

Pero o seu traballo non se limitará ás reivindicacións. A Federación tamén continuará promovendo actividades destinadas ás familias e á comunidade educativa, entre elas a Escola de Familias, intervencións nas aulas sobre saúde mental e igualdade e propostas abertas ao público que buscan achegar valores a través do humor e da divulgación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará