A entidade asegura que leva anos reclamando a mellora da estrada e máis de 60 mobilizacións e pide á Deputación que instale de inmediato un valado provisional no punto quilométrico 7,5
A seguridade da EP-2702 volve estar no centro das reclamacións veciñais tras os novos accidentes rexistrados nos últimos días. A Plataforma EP-2702 alerta de que a estrada continúa presentando importantes deficiencias e considera que a sucesión de sinistros evidencia a necesidade dunha actuación urxente. O último accidente ao que fai referencia a entidade produciuse o 16 de agosto, nunha zona que os veciños levan tempo sinalando pola súa perigosidade.
Desde a plataforma explican que levan anos reclamando unha solución para a estrada e que xa realizaron máis de 60 mobilizacións e manifestacións para esixir unha reforma integral que garanta a seguridade das persoas que utilizan diariamente a vía.
Segundo lembran, o 2 de outubro de 2024 produciuse un compromiso político que consideran especialmente relevante, cando todos os grupos representados no pleno aprobaron a mellora da EP-2702. Poucas semanas despois, o 31 de outubro de 2024, asinouse un convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pazos de Borbén para actuar sobre o primeiro tramo da estrada.
Porén, a plataforma denuncia que o tempo continúa pasando sen que a situación se resolva. “A día de hoxe, seguimos esperando”, sinalan, ao tempo que cuestionan que a actuación prevista, duns 1.000 metros, sexa suficiente para solucionar os problemas de seguridade existentes ao longo do resto da vía.
Unha estrada estreita e con problemas de seguridade
A entidade describe a EP-2702 como unha estrada estreita, con curvas perigosas, problemas de visibilidade e ausencia de elementos de seguridade, á que se suma un tráfico diario que, segundo os veciños, fai que circular por ela sexa cada vez máis perigoso.
“Mentres seguimos esperando, os accidentes continúan sucedendo”, advirten. Desde a plataforma aseguran que os novos sinistros rexistrados nos últimos días volven demostrar “aquilo que levamos anos denunciando”.
A situación que máis preocupa actualmente á entidade atópase no punto quilométrico 7,5, onde recentemente se procedeu á tala de dous árbores situados xunto á estrada. A eliminación desta vexetación deixou a vía, segundo a plataforma, “totalmente desprotexida” fronte a un terraplén de máis de 15 metros de altura.
“Neste punto existe un importante desnivel e, no caso de que un vehículo saia da vía, existe o risco de que poida caer polo terraplén, poñendo en grave perigo a vida e a integridade das persoas que circulan por esta estrada”, explican.
Por este motivo, a Plataforma EP-2702 presentou unha solicitude ante o Concello de Pazos de Borbén para que medie coa Deputación de Pontevedra e reclame a instalación inmediata dun valado provisional ou outro sistema de protección adecuado, así como a correspondente sinalización da zona, mentres non se executa unha solución definitiva.
“A EP-2702 non pode seguir esperando”
A entidade considera que non se debe agardar a que se produza un accidente de consecuencias máis graves para actuar. “Cada accidente volve poñer sobre a mesa a mesma pregunta: a que está esperando a Deputación de Pontevedra para actuar? Cantos accidentes máis teñen que producirse para que se tome en serio a situación desta estrada?”, cuestionan.
A plataforma insiste en que a súa reivindicación non responde a un interese particular, senón á necesidade de mellorar a seguridade viaria. “Non estamos pedindo un capricho nin unha obra por interese particular. Estamos reclamando seguridade viaria”, subliñan.
Neste sentido, defenden que a solución debe pasar por unha reforma integral da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, e non por actuacións puntuais que deixen sen resolver os problemas existentes noutros tramos. O obxectivo, explican, é contar cunha estrada «moderna, segura e adaptada ás necesidades actuais».
Compromisos e anuncios pendentes
A entidade agradece o apoio do Concello de Pazos de Borbén, así como o das persoas, colectivos e grupos que están respaldando a reivindicación, e asegura que manterá abertas as vías de diálogo coa Deputación. Ao mesmo tempo, advirte de que continuará defendendo con firmeza a súa principal demanda: garantir a seguridade das persoas usuarias da estrada.
“Os compromisos adquiridos deben cumprirse. Unha estrada non pode depender eternamente de promesas e a seguridade viaria non pode seguir esperando a que aconteza unha desgraza maior”, conclúe a plataforma.










Unha resposta
Lembremos cando Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, dicía que a culpa era do Concello de Pazos de Borbén por non asinar o convenio. A Deputación leva con isto parado moito tempo; non lle interesa por temas políticos e porque no goberno de Pazos de Borbén non están os da súa cor política, lamentable esta actitude. Hai que deixarse de boísimo e reclamar a Deputación que se poña as pilas xa!. Radio Redondela, como medio periodístico, podería consultar como está o proceso, e dar máis luz sobre este tema.