Hoxe é Xoves 27 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela despide agosto con roteiros ambientais e unha visita teatralizada no Museo Meirande

732050706_1444815927683727_5318414558816738738_n

Grupo de Teatro ADC Rande na anterior visita guiada

A programación arrinca o sábado 29 de agosto coa ruta ambiental e etnográfica “O río Pexegueiro”, unha das últimas propostas do programa de roteiros de verán. A actividade desenvolverase entre as 09:00 e as 13:00 horas, cun percorrido de aproximadamente 8 quilómetros e punto de encontro nas piscinas municipais. A ruta permitirá achegarse á contorna natural do río e coñecer tamén diferentes elementos vinculados ao patrimonio e á historia local. A participación é gratuíta.

Xa pola tarde, o protagonismo trasladarase ao Museo Meirande, onde terá lugar unha nova edición das visitas guiadas teatralizadas. O Grupo de Teatro ADC Rande será o encargado de dar vida aos feitos relacionados coa histórica batalla de Rande e ao patrimonio da contorna, nunha proposta que combina divulgación histórica e representación teatral.

A actividade ofrecerá dous pases, ás 16:30 e ás 18:00 horas, e será de balde, aínda que o aforo é limitado. A través da interpretación dos membros de ADC Rande, os visitantes poderán achegarse á historia da batalla de 1702 e coñecer diferentes aspectos do patrimonio cultural e industrial da zona de Rande dun xeito máis dinámico e próximo.

A representación do sábado 29 será a última das tres visitas teatralizadas programadas este verán, despois das celebradas o 27 de xuño e o 25 de xullo. A iniciativa busca achegar o patrimonio histórico de Redondela a públicos de todas as idades e poñer en valor o traballo do tecido asociativo e cultural local.

As actividades continuarán o domingo 30 de agosto coa ruta ambiental “O Litoral de Soutoxuste”, un percorrido de 5 quilómetros que partirá ás 10:00 horas da praia da Punta de Cesantes e se prolongará ata as 13:00 horas. Trátase dunha proposta para coñecer a paisaxe litoral e os valores naturais da contorna da enseada de San Simón.

A xornada completarase cunha actividade de kayak na enseada de San Simón, prevista entre as 10:30 e as 13:00 horas, cun prezo de 20 euros por persoa. A saída permitirá coñecer desde o mar un dos espazos naturais máis representativos do municipio.

Todas as actividades requiren reserva previa. As inscricións poden realizarse na Oficina Municipal de Turismo, situada na rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 401 713 ou a través do correo turismo@redondela.gal. No caso da visita teatralizada ao Museo Meirande, a reserva debe facerse no 986 458 891 ou no enderezo museomeirande@redondela.gal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Tamén como peche de mes de agosto está a nova de La Voz de Galicia recollendo a sentenza do TSXG sobre a creación sen excusas do servizo de Bombeiros. Outro tema interesante para que Rádio Redondela faga unha mesa redonda sobre este tema. Cal é o posicionamento dos grupos políticos do Concello de Redondela?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará