Os veciños e representantes de distintos colectivos de Vilar de Infesta expresaron o seu malestar pola forma na que o Concello está a executar as obras de reforma da estrada de Porto Cabeiro, unha actuación reclamada durante anos e que finalmente xa está en marcha. A veciñanza considera positivo o inicio dos traballos, pero cuestiona que o proxecto non supoña unha mellora integral da vía nin aproveite as posibilidades ofrecidas polos propietarios para ampliar o trazado e incrementar a seguridade.
A estrada constitúe ademais un acceso fundamental ao colexio de Porto Cabeiro ao que acoden familias de varias parroquias. Segundo explica o veciño Vicente: “Estamos súper contentos de que por fin se humanice esta estrada”, sinala, lembrando que se trata dunha vía que “dá servizo a tres parroquias distintas” e que necesitaba desde hai tempo “uns accesos seguros, sobre todo para os nenos que van andando, para os pais, para os autobuses e para os coches”.
Vicente lembra que hai arredor de seis anos a Asociación de Veciños presentou un anteproxecto para a estrada e que, posteriormente, os representantes veciñais mantiveron unha reunión co Concello e co responsable de Obras para percorrer o trazado e explicar os principais problemas existentes. Nese encontro, segundo relata, tamén se puxo sobre a mesa a disposición dos propietarios para ceder terreos e permitir unha mellora do trazado. “En todos estes seis anos non se volveu saber nada máis do proxecto”, lamenta.
A principal preocupación é que a actuación se limite a intervir sobre o ancho actual da estrada, sen ampliar a plataforma nin corrixir o trazado nas zonas máis problemáticas.
Denuncian a existencia de dúas curvas moi pechadas existentes no trazado, especialmente perigosas para os autobuses escolares e para os vehículos que circulan pola zona. Considera que estas curvas poderían terse corrixido se se aproveitase a disposición dos propietarios para ceder parte das súas parcelas. Para os residentes, trátase dunha oportunidade perdida para facer unha intervención estrutural na estrada e non limitarse a actuar sobre a calzada existente.
A seguridade nos accesos ao colexio de Porto Cabeiro é outra das cuestións que preocupan especialmente á veciñanza. “Tras 50 anos aí instaurado, ese colexio segue sen ter beirarrúas para que a xente poida acceder camiñando a el”, sinala. Tamén reclaman unha solución para o estacionamento dos autobuses e para as familias que se desprazan en coche ata o centro.
Unha actuación dividida en fases
Outro dos motivos de preocupación é que a reforma non se execute de maneira integral. Segundo explica Vicente, o proxecto foi dividido en tres fases. A primeira é a que está actualmente en execución “e nin sequera chega ao colexio”. A segunda afectaría parte do contorno do centro educativo e, segundo os veciños, estaría pendente de adxudicación con cargo ao remanente municipal. A terceira incluiría o resto do contorno do colexio e a continuación da estrada, pero os afectados non perciben polo momento vontade política para acometela.
Os veciños reclaman, en particular, que a segunda fase teña en conta as necesidades específicas do centro educativo, incluíndo unha zona segura para que os autobuses poidan estacionar e para que as familias poidan parar os seus vehículos sen obstaculizar a circulación.
Os afectados aseguran que xa solicitaron unha reunión co Concello para coñecer os motivos polos que finalmente se optou por este proxecto, aínda que “polo momento non recibiron resposta”. Non reclaman necesariamente a paralización das obras, xa que consideran que a primeira fase está adxudicada e en execución, senón explicacións sobre as decisións adoptadas e a ausencia de diálogo coa veciñanza.
“Queremos unha explicación e o que queren os veciños é que se lles diga por que isto se fixo así e por que se actuou desta forma”, afirma Vicente. Entre as cuestións que queren aclarar está tamén a distribución das beirarrúas, que segundo explica obrigará os peóns a cambiar de lado en distintos puntos do percorrido en lugar de contar cun itinerario continuo cara ao colexio.
A veciñanza considera que aínda existen posibilidades de introducir melloras nas seguintes fases, especialmente no contorno do centro educativo, pero entende que a primeira actuación xa está condicionada polo proxecto actualmente en execución.
Vicente pecha a súa intervención reclamando un cambio na relación entre a Administración e os veciños: “O que non pode ser é que ti fagas un proxecto que está esperando todo o mundo con ansia, que invistas medio millón de euros na primeira fase, medio millón de euros na segunda fase, e cando realmente comezas a executar as obras resulta que todo o mundo está a pé torcido, cabreado”, sinala.
A principal demanda dos veciños pasa agora por coñecer as razóns que levaron o Concello a deseñar e executar a actuación nestes termos










Unha resposta
Radio Redondela ten que mellorar este tipo de novas, sae un veciño pero habrá outros que queiran falar ou asociacións. Radio Redondela tiña que facer unha mesa redonda e invitalos veciños e asociacións á sede de Radio Redondela e facer un programa especial. Entendo que habrá actas dos consellos parroquiais e outras xuntanzas xa que falase de 6 anos atrás.
Concordo co veciño en que si os veciños ceden terreo para mellorar a vía non se recolla esta luva. Nin ten sentido.